- Tematica
Este pasado luns, 14 de abril, deu comezo unha nova edición da Primavera Lúdica, na que este ano están a participar 107 nenos e nenas. O obxectivo deste programa de conciliación é ofrecer ás familias de Ames unha posibilidade de compatibilizar a vida laboral e familiar nestas vacacións de Semana Santa. O programa continuará ata o vindeiro luns 21 de abril e ofrece os servizos de conciliación habituais do concello, como os Bos Días ou o comedor.
O programa Primavera Lúdica desenvólvese os días 14, 15, 16 e 21 de abril, coincidindo cos días non lectivos da rapazada con motivo da Semana Santa. Para facilitar aínda máis a compatibilidade, os horarios de entrada e saída dos menores son flexibles, tendo a posibilidade de incorporarse ás 7.30 (con almorzo) ou ás 9.00 horas, e de ser recollidos ás 14.30 ou ás 16.00 horas.
Por outra banda, esta edición conta coa participación total de 107 rapaces e rapazas; 41 deles no CEIP A Maía, 37 do CEP Ventín e 29 na EEI Milladoiro. O programa deste ano está centrado no poder e posibilidades das diferentes disciplinas artísticas dentro do contexto educativo.
A concelleira de Educación, Carmen Porto, achegouse esta mañá ata a EEI do Milladoiro para falar coas crianzas que están a participar nesta edición e coas monitoras da escola. Deste xeito, fixo balance da Primavera Lúdica deste ano, “desde o Concello de Ames temos que agradecer o traballo do monitorado que está a cargo destes programas que axudan á conciliación familiar e laboral, nos que ás veces os rapaces acoden a centros aos que non están habituados.” Na mesma liña, destacou que “para os máis pequenos son datas moi sinaladas no calendario, son xornadas nas que facer actividades diferentes, xogar ou coñecer novos compañeiros. Hoxe, por exemplo, puidemos ver como a través da pintura, os nenos e nenas estiveron potenciando a súa imaxinación e desfrutando xunto cos seus compañeiros e compañeiras”.
Programa da Primavera Lúdica 2025: Arte transformadora
Esta edición da Primavera Lúdica coincidindo co Día Mundial da Arte o 15 de abril, ten precisamente como temática central o mundo da arte, unha ferramenta esencial para promover a creatividade nos máis pequenos. Ademais, un dos enfoques principais do programa de conciliación está a ser o ‘artivismo’, un concepto que mestura a arte co activismo, amosándolles así ás crianzas o poder desta disciplina para a transformación social.
Nesta liña, as crianzas están a desenvolver diferentes actividades nos que a cooperación e o traballo en equipo xogan un papel esencial, así como que comecen a manifestar os seus pensamentos a través das súas creacións artísticas. Ademais, preténdese que os nenos e nenas coñezan como a arte pode ser un elemento que fomente a transformación social e sexa unha ferramenta de invite á reflexión e ao pensamento crítico.
Entre algunhas das actividades que se están a desenvolver nesta Primavera Lúdica, destacan “o muro das identidades”, unha proposta que convida á rapaza a reflexionar sobre si mesmas; “explorando a arte rebelde”, onde a través dunha xincana poden coñecer os aspectos básicos sobre o artivismo e coñecer diferentes artistas; ou crear as súas propias ‘obras protestas’.