- Tematica
Este vindeiro martes, 22 de abril, poñerase o peche final a unha nova edición do programa Abril de Cine, unha iniciativa enmarcada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames e que nace coa finalidade de achegar o cinema galego á veciñanza. Desta volta, as protagonistas serán as curtametraxes, pois nesta última xornada do ciclo de cine proxectaranse catro curtas de temáticas diferentes mais con varios nexos en común. A sesión terá lugar ás 20.00 horas no auditorio do Milladoiro e contará coa presenza dos directores de cada unha das curtas. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Este martes terá lugar a última xornada da quinta edición do ciclo de cinema Abril de Cine, unha iniciativa que pretende achegar a toda a veciñanza amesá diferentes propostas do cinema galego actual. Nesta derradeira sesión proxectaranse catro curtametraxes diferentes mais que manteñen varios nexos en común; coma o xénero documental e o desarraigamento como un cos eixos centrais dos filmes.
Por un lado, “Platónico, platónica”, de Xacío Baño, unha curta na que se fai unha reflexión e conexión profunda entre o amor e a intelixencia artificial. Deste xeito, a través deste ensaio visual ponse enriba da mesa un dilema que está máis que presente no noso día a día.
Outra das curtas que se proxectará nesta sesión será “Noites de prata” de Soraya Antelo, un proxecto, finalista nos Premios Mestre Mateo deste pasado 2024, que narra a historia de como Lola, unha cantante de boleros, abandonou Galicia polas terras do Río da Prata. Esta obra, que foi o proxecto de final de carreira da directora, combina diferentes técnicas de animación 3D e tamén emprega a música como un fío central para conducir o filme.
A terceira das curtas será “Carracedo” de Manu Lucas Mariño, un documental que pon en valor a figura do artesán galego Sito Carracedo no seu traballo de recuperación do patrimonio cultural galego.
Para finalizar, a última das curtas que se proxectará será “Pechar caixas, abrir caixas” de Hugo Amoedo, un filme na que se narra a historia da volta a Galicia do escritor Xavier Queipo despois de máis de 30 anos en Bruxelas. A través dunha historia biográfica, o autor pretende interpelar ao público nunha narrativa na que calquera se pode sentir identificado.