- Tematica
Este martes, 22 de abril, o alumnado do IES de Ames, situado na localidade de Bertamiráns, participou na campaña “Agresión off, eu digo non á violencia sexual” da Xunta de Galicia. A través de diferentes actividades os mozos e mozas amesáns participaron en varias dinámicas de xogo co obxectivo de interiorizar os conceptos de sensibilización contra a violencia de xénero e as violencias sexuais de xeito lúdico. Esta actividade foi solicitada á Xunta de Galicia dende o Centro de Información á Muller (CIM) co obxectivo de sensibilizar e concienciar sobre a importancia de rachar coas condutas violentas e non igualitarias, tanto nas relacións persoais como sociais.
Esta mañá a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, e maila técnica municipal do CIM, Mónica Antelo, achegáronse ata o IES de Ames, onde participaron nunha das sesións da campaña “Agresión off, eu digo non á violencia sexual”, posta en marcha pola Xunta de Galicia, e que está destinada ás entidades locais. Esta iniciativa ten como obxectivo informar á cidadanía sobre a violencia de xénero, especialmente a de carácter sexual, dotando á poboación de información sobre como previla, detectala e combatela.
Esta actividade foi solicitada á Xunta de Galicia dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Ames co obxectivo de sensibilizar e concienciar sobre a importancia de rachar coas condutas violentas e non igualitarias, tanto nas relacións persoais como sociais. Así, faise especial fincapé na xente moza, para evidenciar as diferente formas do machismo e como detectalo no día a día. Ademais, promóvense modelos de relación afectivo- sexuais baseados no respecto e a tolerancia, coa finalidade de erradicar os prexuízos baseados nos roles de xénero.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, explica que “dende o CIM de Ames solicitámoslle á Xunta de Galicia a impartición destes obradoiros que se enmarcan na campaña Agresión off. Decidimos facelos no IES de Bertamiráns para que o alumnado deste centro reflexione sobre a importancia da igualdade. Os rapaces e rapazas están acompañados por tres monitores/as que lles explican a dinámica das actividades e os axudan a pensar e reflexionar sobre o respecto e a tolerancia nas relacións afectivo- sexuais”.
Dinámica da campaña Agresión off
Ao longo da mañá realizáronse varias sesións de 50 minutos de duración cada unha. Primeiro os/as monitores/as desta campaña explicáronlles aos mozos e mozas a dinámica da sesión. De seguido, o alumnado dividiuse en diferentes grupos para participar nas actividades que están repartidas en 6 estacións diferentes ou puntos de sensibilización contra a violencia de xénero e as violencias sexuais.
Un dos puntos de actividades é a ruleta do amor romántico, na cal se reflicten mitos como a miña media laranxa, o amor dura para sempre, o amor a primeira vista. Nesta actividade os/as mozos/as teñen que tirar a ruleta e falan sobre aquela frase que sae. A segunda estación ou punto de actividades é o termómetro das violencias, no que hai unha serie de condutas que hai que ordenar dende a máis grave a menos grave. O terceiro punto é verdadeiro ou falso. Aquí hai unha unha serie de temas escritos en tarxetas sobre os que os rapaces e rapazas debaten.
O cuarto punto é a jenga ou torre con pezas. Nas pezas hai escritas diferentes palabras, co cal hai que sacar as pezas con palabras que non nos gustan e deixar as que nos gustan. O quinto punto é unha táboa para emparellar concepto e definición; e o sexto é último punto é un xogo da oca, no cal as casiñas están relacionadas coa violencia de xénero e sexual.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O alumnado do IES de Ames reflexiona sobre a igualdade e dille non á violencia de xénero"
AMSGO!: "Os alumnos do IES de Ames din NON á violencia sexual"