Pestanas principais

O Concello de Ames recupera a normalidade tralo apagamento eléctrico e de telecomunicacións acontecido este luns 28 de abril

Martes, 29 de abril de 2025

O Concello de Ames organizou un operativo especial tralo apagamento eléctrico e de telecomunicación sufrido dende as 12.33 deste luns 28 de abril en todo o territorio nacional. Dende o primeiro momento priorizouse poder ofrecer o servizo de  comedores escolares municipais na xornada de onte, garantir o abastecemento de auga, atender a persoas maiores que viven soas e atender a aquelas persoas vulnerables con algún tipo de enfermidade que necesitan a asistencia de máquinas sanitarias. Ademais, a Casa do Concello  estivo aberta ata o restablecemento do subministro eléctrico, para atender calquera incidencia ou necesidade da veciñanza. Deste xeito, estableceuse un punto de referencia para posibles emerxencias.

O alcalde, Blas García, explica que “foi unha situación excepcional, unha máis das que levamos vividas nos últimos anos. Neste caso, xa pola experiencia adquirida nos últimos anos, o primeiro que fixemos foi organizarnos para dar prioridade aos temas máis importantes que neste caso foron prestar o servizo de comedores escolares no día de onte, garantir o abastecemento de auga e atender a persoas maiores que viven soas e atender a aquelas persoas vulnerables con algún tipo de enfermidade que necesitan a asistencia de máquinas sanitarias. O máis importante é que non houbo incidencias graves”.

Para tratar de abordar esta situación de xeito organizado realizáronse varias xuntanzas de coordinación na que participaron axentes da Policía Local, voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil, persoal da Brigada de Obras e Servizos Básicos, persoal do departamento de Comunicación e Informática, persoal de Augas de Ames, concelleiros/as do Goberno municipal, voceiras dos grupos municipais do Partido Popular e BNG, etc.

Rede municipal de comedores escolares
Segundo explicou o rexedor municipal: “unha das primeiros temas que nos preocupou foi que os nenos e nenas que estaban onte nos colexios puidesen comer. O primeiro que fixemos a concelleira de Educación e máis eu foi visitar os colexios e comedores escolares para ver se todos os nenos e nenas que usan este servizo tiñan comida. Houbo que facer unha pequenas variacións nos menús porque faltaba algunha comida que estaba pendente de facer, pero conseguimos darlle normalidade a esta situación e que os rapaces e rapazas non visen alterada a súa rutina diaria”.

Por outra banda, hoxe 29 de abril o Concello de Ames non pode prestar os servizos municipais de conciliación (Comedor escolar e Tardes divertidas), debido á suspensión da actividade lectiva tras a incidencia do apagamento de onte. O servizo restablecerase con normalidade este mércores 30 de abril. Hoxe o resto de servizos e actividades municipais funcionarán con normalidade: Escola Municipal de Música, Escolas Deportivas, Amessan, etc.

Abastecemento de auga
Outra das prioridades era manter o abastecemento de auga en todo o termo municipal. O alcalde indica que “este servizo mantívose en todo o concello excepto durante a madrugada en Alto do Vento porque é onde está máis alto o depósito e é máis difícil impulsar a auga cara este lugar. Quero agradecer as xestións realizadas polo persoal de Auga de Ames e polo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, porque conseguiron que a empresa Maquinaria Otero nos alugase tres xeradores de electricidade para manter o servizo e auga”.

“Tamén quero agradecer o traballo do persoal da brigada de obras polo traballo feito para conectar ditos xeradores ao sistema de abastecemento de auga. Estes tres xeradores empregáronse para garantir o servizo e auga no Milladoiro, Quistiláns e Aldea Nova. Finalmente só foi necesario empregar o xerador para subministrar auga en Aldea Nova”.

Atención de persoas maiores máis vulnerables
A terceira prioridade fixada foi atender a persoas maiores que viven soas e atender a aquelas persoas vulnerables con algún tipo de enfermidade que necesitan a asistencia de máquinas sanitarias. O alcalde destacou “temos coñecemento de que hai moitas persoas maiores que viven soas, así como persoas con problemas respiratorios e veciños con outros problemas de saúde que necesitan estar conectadas a unha máquina sanitaria”.

Dende o Concello axudouse a catro persoas con problemas respiratorios colocándolle un xerador na súa casa. Tamén se acudiu ao Hospital Clínico Universitario de Santiago para coller bombonas de osíxeno e levarllas ás persoas con problemas respiratorios que as necesitaban. Ademais, tamén se colocou un xerador no centro de saúde de Bertamiráns para manter en funcionamento as neveiras nas que se gardan as vacinas.

A Casa do Concello aberta de xeito permanente
Por outra banda, a Casa do Concello estivo aberta de xeito permanente ata o restablecemento do subministro eléctrico, para atender calquera incidencia ou necesidade da veciñanza. Deste xeito, estableceuse un punto de referencia para posibles emerxencias. O alcalde explicou que “moitas das persoas que necesitaban algún tipo de necesidade sanitaria acudiu ás dependencias municipais para solicitar axuda”.

Grupo de traballo para situacións de emerxencia
O alcalde tamén destaca a necesidade de cara ao futuro de crear un grupo de traballo integrado por diferentes departamentos municipais co obxectivo de dar resposta a este tipo de situacións, que aínda que son excepcionais poden acontecer. O obxectivo é tratar de que o Concello de Ames manteña uns servizos mínimos operativos de comunicación e abastecemento enerxético.

“Agora é o momento de analizar esta emerxencia, a resposta dada, e as áreas susceptibles de mellora, para nun futuro estar máis preparados ante unha emerxencia similar. Este grupo de traballo será formado por distintos grupos políticos e departamentos municipais”, explicou Blas García.

Por outra banda tamén dixo que “haberá que pedir explicacións as operadora para saber porque non houbo ningún tipo de servizo de telecomunicacións no termo municipal de Ames ata que se restableceu o subministro eléctrico. Tamén sería idóneo que cada Concello fíxese balance das incidencias sucedidas e trasladalas á FEGAMP, para que se aborden coa Xunta de Galicia co obxectivo de mellorar a atención a cidadanía nestas situacións de emerxencia”.

O Concello de Ames recupera a normalidade tralo apagamento eléctrico e de telecomunicacións acontecido este luns 28 de abril

Multimedia

  • O Concello de Ames recupera a normalidade tralo apagamento eléctrico e de telecomunicacións acontecido este luns 28 de abril
  • O Concello de Ames recupera a normalidade tralo apagamento eléctrico e de telecomunicacións acontecido este luns 28 de abril
  • O Concello de Ames recupera a normalidade tralo apagamento eléctrico e de telecomunicacións acontecido este luns 28 de abril
  • Embedded thumbnail for