- Tipo
O 22 de marzo, ás 21.00h, chega a representación de Anatomía dunha serea, do grupo Chévere, á Casa da Cultura do Milladoiro. Esta peza autobiográfica, contada pola súa protagonista, Iria Pinheiro, é unha denuncia da violencia obstétrica que sufriu a actriz durante o parto do seu primeiro fillo, contado de xeito directo, aberto e autocrítico.
Así, Iria explica en que consiste este tipo de violencia, que abarca calquera acción que patoloxice os procesos reprodutivos naturais e biolóxicos, e que se traduce nun trato deshumanizado por parte dos profesionais da saúde durante o embarazo e/ou o parto. Un berro sobre a medicalización da maternidade, a desigualdade de xénero e outros moitos temas que a protagonista e moitas outras mulleres viviron en primeira persoa, e que deixaron secuelas tanto físicas como psicolóxicas.