O Castro. Parroquia de Ortoño
Nesta casa pasou Rosalía de Castro unha parte importante da súa nenez. A escasa documentación sobre o período inicial da vida desta grande escritora impide coñecer con exactitude o tempo que pasou neste lugar. Sabemos que Rosalía naceu en Compostela o 23 de febreiro de 1837 e que foi trasladada a esta casa para quedar ao coidado de Mª Josefa e Teresa Martínez Viojo, irmás de seu pai, o sacerdote José Martínez Viojo, e pertencentes a unha familia de labregos acomodados. Da Tarroerira, Rosalía foi a Padrón para vivir coa súa nai, Mª Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, unha fidalga vida a menos. A casa do Castro, tamén chamada da Tarroeira, conserva moito daquela época e destaca entre as da contorna polo grande volume, polo hórreo e polo pombal. A presenza nos seus muros de diferentes feituras testemuñan diferentes fases construtivas, ampliacións e arranxos.
Outros datos:
Dende este lugar aínda hoxe se escoitan as campás de Bugallido, famosas en toda a contorna e, segundo contan, fonte de inspiración para unha das composicións máis coñecidas de Rosalía, baseada nunha cantiga popular da Maía: "Campanas de Bugallido/ cando vos oio tocar/ revíraseme o sentido". En memoria da importancia deste lugar na vida e obra da insigne escritora, o 12 de outubro de 1923, unha comitiva de mozos estudosos ( Xosé Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey, Lois Tobío, etc) achegáronse andando dende Santiago para iniciar, simbolicamente, a que sería unha das aventuras intelectuais máis sinaladas e brillantes da nosa historia. Tal e como reza a placa conmemorativa colocada no muro da casa de Rosalía "Aquí naceu o Seminario de Estudos Galegos".