Axenda
A Concellería de Benestar Social e Igualdade organiza para o venres, 22 de novembro, a décimo cuarta edición das Xornadas Achégate á Igualdade, que se desenvolverán na Casa da Cultura de Bertamiráns. A xornada é gratuíta con aforo limitado. Está aberta a todo público interesado, dende profesionais da área ata público xeral, pasando por educadores e educadoras, alumnado, docentes, área da psicoloxía, da orientación, profesionais da administración pública, pais e nais. Para participar hai que inscribirse no enderezo electrónico: xornada.ames@gmail.com. Premendo neste enlace podes descargar o programa completo das xornadas.
Co gallo da celebración da Santa Icía, patroa dos músicos, do 20 ao 24 de novembro o concello encherase de música con distintas propostas. O venres 22 de novembro, representarase na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo de tango “Azúcar, Pimienta y Sal” no que o cantor de tango Héctor Rial actuará acompañado de cantantes, bailaríns e músicos referentes do mundo do tango. A proposta conta cun amplo repertorio no que se conxugan tangos, valses e milongas de onte, hoxe e sempre, ao que se suman bailaríns, abarcando así todas as expresións deste xénero musical.
O venres 22 de novembro, ás 18:00 horas, chegarán á Casa da Cultura do Milladoiro os danzacontos "A marabillosa viaxe da pinga Pingona". Dirixido a nenos e nenas de 1 a 6 anos, trátase de contos danzados orientados a explorar múltiples emocións a través da lingua e da música que terán como protagonistas a amizada, o respecto e a natureza. Será unha fermosa historia de empatía, escoita, comprensión e amizade, ao tempo que as crianzas exploran elementos do mar, o ceo, a terra e o ciclo da auga.