Actualidad

Por ejemplo, 12-02-2025
Por ejemplo, 12-02-2025
Jueves, 01 de agosto de 2024
Cartaz do Millarock 2024

Todo está listo no Milladoiro para acoller a décimo terceira edición do festival Millarock, que se desenvolverá este venres 2 de agosto no anfiteatro do Milladoiro e no aparcadoiro da Travesía do Porto (en fronte da escola infantil). O evento, organizado polo departamento de Cultura de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, é xa unha das citas musicais consolidadas do concello, e naceu co obxectivo de promover o rock galego e de impulsar grupos emerxentes da contorna, combinándoos coas actuacións doutras bandas xa consolidadas. Nesta ocasión contarase coa Casa do Rock, Onda Dagda, Biribirlocke, Agoraphobia e Dakidarría. A entrada será libre e de balde.

Miércoles, 31 de julio de 2024
Continúan os Seráns de Ames en Tapia con xogos e un espectáculo de monicreques

Este xoves, 1 de agosto, a área recreativa de Tapia acolle a cuarta xornada dos Seráns de Ames. Esta iniciativa, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto, acolle nesta ocasión dúas actividades. Ás 17.30 horas impartirase a sesión de xogos “Xogos do Paporrubio”; e ás 19:30 horas representarase o espectáculo de monicreques “Varietés do Animalario”. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartel ao completo dos “Seráns de Ames”.

Martes, 30 de julio de 2024
Imaxe da xuntanza mantida esta mañá

A programación de Ames en Festas 2024 está a piques de comezar. Serán 10 días de festas seguidos, primeiro no Milladoiro, do venres 2 ao martes 6, e despois en Bertamiráns, do mércores 7 ao domingo 11 de agosto. As mellores orquestras de Galicia pasarán por Ames Este ano como novidade haberá dous pregóns, un de inicio nas festas, no Milladoiro, o sábado 3 de agosto a cargo de Alberto Gómez, presidente da Confraría da Madalena do Milladoiro; e outro de peche das festas, en Bertamiráns, o domingo 11 de agosto durante a sesión vermú, que ofrecerá Elvira Tresguerras e o Fútbol Club Meigas. Esta mañá mantívose unha xuntanza para organizar o operativo de seguridade que se manterá activo durante os 10 días de festas.

Miércoles, 24 de julio de 2024
Maianas presentan o seu novo disco Fala de min! o sábado, 27 de xullo, no parque do Ameneiral

O parque do Ameneiral, situado en Bertamiráns, acolle o próximo sábado, 27 de xullo, ás 20.00 horas, a presentación do novo disco das Maianas. Fala de min! é o novo traballo discográfico do grupo de cantareiras Maianas, que está formado por doce pezas de composición propia e versións de temas populares. O grupo de cantareiras Maianas formouse no ano 2007 no concello de Ames, tras coñecérense as súas integrantes nos obradoiros municipais de baile e música tradicional do Concello de Ames.

Martes, 23 de julio de 2024
​O Concello de Ames rendeulle homenaxe a Borja Golán con motivo do Día de Galicia

O Concello de Ames celebrou hoxe martes, 23 de xullo, o acto do Día de Galicia. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns foi o escenario dun acto de celebración da galeguidade e, ao mesmo tempo, dun acto de recoñecemento ao deportista amesán Borja Golán que recibiu a medalla do Concello de Ames. Ao longo do acto interviron o alcalde e mailas voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal. A compañía martaalonsotejada e Mounqup amenizaron o acto coa interpretación de varias pezas de música e danza. O acto estivo presentado pola actriz e creadora Carlota Mosquera.

Martes, 23 de julio de 2024
Preséntase o programa “Ames en Festas 2024” que recolle dez días seguidos de festexos no Milladoiro e Bertamiráns

Por terceiro ano consecutivo o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames colaboran para organizar 10 días de festexos no cartel “Ames en Festas 2024”, que encadea as festas da Madalena do Milladoiro, do venres 2 ao martes 6, e as festas da Peregrina de Bertamiráns, do mércores 7 ao domingo 11 de agosto. As mellores orquestras de Galicia pasarán por Ames: Panorama, Gran Parada, Metrópolis, Combo Dominicano, París de Noia, Os Satélites e Los Coleguitas. Tamén haberá concertos a cargo de Guadi Galego, do grupo La Banda de Ayer e Tania Veiras. Este ano como novidade haberá dous pregóns, un de inicio nas festas do Milladoiro o sábado 3 de agosto e outro de peche nas festas de Bertamiráns o domingo 11 de agosto durante a sesión vermú ao mediodía.

Lunes, 22 de julio de 2024
Imaxe de arquivo da festa do chourizo ao viño

O Concello de Ames, a través da Concellería de Cultura, mantén aberto ata o 31 de xullo o prazo para participar na convocatoria de subvencións en especies para as festas populares celebradas no 2024 por asociación e comisións de festas municipais. O prazo está aberto para as festas que se celebren nos meses de setembro a decembro de 2024. Con estas axudas búscase fomentar a celebración das festas e colaborar na súa organización, facendo máis doada a labor que está a desenvolver o tecido asociativo e as comisións de festas do concello no eido da dinamización sociocultural. A contía total desta liña de axudas ascende a 24.000 euros. Ata o de agora xa se consumiron 15.890 euros, isto representa o 66,20% da contía total. Premendo nesta ligazón pódense obter as bases da convocatoria.

Lunes, 22 de julio de 2024
As “Noites en Vela” da Ponte Maceira volven iluminar o límite municipal entre Ames e Negreira

A edición 2024 das “Noites en Vela” na Ponte Maceira resultou ser todo un éxito pese a permanente ameaza de choiva existente. O coro “Son Elas” e “Lontreira” fixeron bailar e saltar aos centros de persoas que acudiron ao evento sobre o río Tambre. De novo máis de 1000 candeas iluminaron o entorno da Ponte Maceira nunha das edicións con maio éxito das que recorda a organización, cunha afluencia aproximada de 500 persoas.

Sábado, 20 de julio de 2024
Ames acolleu unha xornada do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”

O Pazo da Peregrina acolleu este venres, 19 de xullo, por primeira vez, unha das xornadas do Festival Internacional de Danza e Movemento “Abanea”, organizado pola asociación ISMO Cultura. Así, ao longo desta xornada desenvolvéronse diversas actividades arredor da danza e do movemento, co obxectivo de impulsar esta disciplina entre a veciñanza. Houbo encontros para os profesionais da danza, impartíronse os obradoiros “Danza en Familia” e “A danza como lugar de recreo”, e púidose gozar das actuacións a cargo de Suevia Rojo, Paulina Espinosa, Mariana Oliveira, Angel Durán e Mounqup. A artista amesá vinculada ao apoio bienal, Suevia Rojo, estreou “Pensar a contratempo”.

Jueves, 18 de julio de 2024
Este sábado, 20 de xullo, celébrase unha nova edición de Noites en Vela na Ponte Maceira

Este sábado, 20 de xullo, a partir das 21:00 horas, terá lugar unha nova edición das “Noites en Vela” na Ponte Maceira. Trátase dun evento que une aos concellos de Ames e Negreira dende o ano 2016, e que só puido interromper a pandemia durante as edicións do 2020 e 2021. Este ano os encargados de amenizar a noite serán o coro “Son Elas”, que darán paso a “Lontreira” e estes a un espectáculo pirotécnico que finalizará a velada. O acceso ao evento é de balde.