Actualidad

Dende hoxe, 23 de abril, e ata o 7 de maio de 2025 está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Xuño lúdico”, que este ano se desenvolverá do 23 ao 30 de xuño. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

Este pasado luns, 14 de abril, deu comezo unha nova edición da Primavera Lúdica, na que este ano están a participar 107 nenos e nenas. O obxectivo deste programa de conciliación é ofrecer ás familias de Ames unha posibilidade de compatibilizar a vida laboral e familiar nestas vacacións de Semana Santa. O programa continuará ata o vindeiro luns 21 de abril e ofrece os servizos de conciliación habituais do concello, como os Bos Días ou o comedor.

A Xunta de Galicia vén de aprobar este luns, 31 de marzo, o prego de cláusulas administrativas, o expediente de contratación, o gasto e a apertura do procedemento de adxudicación para a construción do novo centro de educación infantil e primaria no Milladoiro. O expediente de contratación publicouse hoxe no portal de Contratos Públicos de Galicia. O centro, que acollerá a 450 alumnos e permitirá atender as necesidades educativas dunha poboación en aumento, será o primeiro colexio construído en base ás pautas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que deseña espazos educativos máis abertos, flexibles, sustentables, intelixentes e integrados na contorna.

Dende este martes, 1 de abril, estará aberto o prazo de solicitude de praza para o curso 2025-2026 nas escolas infantís de titularidade municipal (O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro). As solicitudes poderán presentarse ata o vindeiro 15 de abril. Posteriormente, os/as admitidos/as deberán formalizar a matrícula entre o 1 e o 16 de xuño. A documentación que hai que presentar para solicitar praza pode descargarse preferentemente a través da páxina web conciliames.gal, ou ben recollerse nas dependencias das escolas.

O pasado martes, 11 de marzo, ás 16:30 horas, o IES do Milladoiro acolleu unha xuntanza de traballo intersectorial para conmemorar o décimo aniversario da Rede do Milladoiro. Este encontro, baixo o lema Restaurando a Rede, pretende ser un espazo de reflexión e celebración do traballo desenvolvido ao longo desta década, ademais de sentar as bases para sementar o futuro.

O Concello de Ames abre ata o 31 de marzo o prazo para que as persoas usuarias dos servizos complementarios de educación e conciliación poidan preinscribirse ou renovar praza para o vindeiro curso 2025-2026, na Rede de Comedores Escolares e nos programas Bos Días Cole e Tardes Divertidas. As persoas interesadas poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través da páxina web de Conciliames, presentando a documentación asinada dixitalmente na Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poden entregala en papel nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames. Ademais, as persoas sen Internet poden solicitar asistencia presencial chamando ao 981 891 476.

Mañá venres 28 de febreiro, o IES do Milladoiro transformarase nun contedor de convivencia positiva e diversidade cultural coa celebración do seu Entroido Intercultural. Esta iniciativa lúdico-educativa ten como obxectivo poñer en valor a riqueza intercultural do centro, onde convive alumnado de 20 nacionalidades diferentes, e fomentar unha convivencia positiva entre toda a comunidade educativa.

Dende este venres, 14 de febreiro, e ata o venres 28 de febreiro, estará aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Primavera Lúdica”, que se desenvolverá os días 14, 15, 16 e 21 de abril de 2025. No programa poderán participar familias empadroadas no Concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou de primaria no curso 2024-2025, e que acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral coa familiar. A “Primavera Lúdica” ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As familias interesadas deberán entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

O alumnado de cuarto da ESO do IES do Milladoiro participou este venres, 24 de xaneiro, na estrea do documental “No habrá paz sin las mujeres”, producido pola periodista Patricia Simón e o fotoxornalista e activista, Alejandro Zapico. Dito alumnado xa participou o pasado venres, 10 de xaneiro, nunha foliada solidaria para Palestina, organizada na Casa da Cultura do Milladoiro, co obxectivo de recadar fondos para a ONG Paias@s en Rebeldía. Ademais, vaise organizar unha exposición de fotografías de Alejandro Zapico. A vindeira semana anunciarase o lugar e mailo día de inauguración de dita mostra.

A Xunta de Goberno Local aprobou nas últimas semanas a concesión de axudas por valor de 19.999,85 euros, para as actividades organizadas polas ANPAs dos centros educativos municipais durante o exercicio 2024, e maila concesión de 940,35 euros, para a adquisición de libros de texto e material escolar destinado ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, correspondente ao curso 2023/2024. Estas dúas liñas de axudas municipal dependen da Concellaría de Planificación e Xestión Educativa.
- 1 de 23
- siguiente ›