Actualidad

Este luns, 2 de setembro, comezou unha nova edición do Setembro Lúdico con 140 participantes. A través deste programa trátase de facilitar a conciliación das familias amesáns antes do inicio do curso escolar. Este programa estase desenvolvendo no CEIP da Maía, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín en horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días.

Do 28 de agosto ao 2 de setembro realizouse a última saída do programa municipal de campamentos de verán. Un grupo de 40 rapaces e rapazas de 6 a 14 anos estiveron no campamento da granxa escola El Kiriko. O programa de campamentos comezou o pasado 23 de xuño e ao longo dos meses de verán un total de 490 rapaces e rapazas de Ames participaron en 13 campamentos con estadía nocturna. Ademais, organizáronse dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 1 e o 26 de xullo. Este ano cubríronse o 98% das prazas ofertadas, con 490 usuarios/as inscritos/as das 500 prazas existentes.

A Xunta aprobará este luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio CEIP do Milladoiro, por case 9,8M€. Anunciouno esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita á parcela onde se edificará o centro, xunto co alcalde de Ames, Blas García. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que o centro estea operativo no curso 2026/27.

Pasadas as tres semanas que se deron de prazo para presentar posibles achegas, onte mércores 17 de xullo realizouse unha xuntanza de traballo da comunidade educativa que compón o Consello Escolar Municipal de Ames. En dita xuntanza traballouse na modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación do Concello de Ames.

O pasado 1 de xullo daba comezo unha nova edición da Escola de Verán, que se está a desenvolver no CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Durante a primeira quincena de xullo, un total de 386 nenos e nenas están a participar neste programa de conciliación, unha iniciativa que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas. A programación durante a primeira quincena de xullo xira arredor da cultura celta e a súa influencia nas nosas tradicións.

O Concello de Ames oferta para este verán un amplo abano de programas e actividades para os nenos/as e mozos/as co obxectivo de que se manteñan entretidos e se divirtan durante a época estival na que non hai actividade académica. Con estes programas preténdese axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e a familiar. Dentro dos programas lúdicos realízanse o Xuño Lúdico, a Escola de Verán e mailo Setembro Lúdico, nos que hai inscritos 1.278 usuarios/as. Non se contabilizan os usuarios/as do Setembro Lúdico debido a que na actualidade está aberto o prazo de inscrición para este programa. Nos campamentos municipais de verán hai inscritos 490 nenos/as e mozos/as. Cubríronse o 98% das 500 prazas ofertadas. Ademais, este ano, como novidade, púxose en marcha o programa de conciliación dirixido á mocidade con diversidade no que hai 12 usuarios/as. En total, contabilízanse 1.780 usuarios/as nestes programas, a falta da participación no Setembro Lúdico.

Desde hoxe e ata o 15 de xullo está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Setembro Lúdico”, que este anos se desenvolverá os días 2, 3, 4, 5, 6, 9 e 10 de setembro. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames con crianzas escolarizadas no segundo ciclo de educación infantil e primaria (non poderán participar os nenos/as que vaian cursar 4º de infantil no curso 2024/2025 nin os nenos/as que para o curso 2024/2025 vaian a cursar a ESO). As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Pódese obter o impreso de inscrición premendo nesta ligazón.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu o pasado martes , 25 de xuño, unha nova xuntanza do Consello Escolar Municipal de Ames, onde o Goberno presentou unha proposta sobre a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación así como do borrador para a modificación do Regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas. Dita proposta recolle engadir novos tramos ás cotas de comedor, incrementalas en comedor, lúdicos e Escola de verán entre o 10,5%-11% e non modificar os programas Bos Días e Tardes Divertidas durante o curso 2024-2025. Nos seguintes cursos modificarase a ordenanza para todos os servizos de conciliación conforme ao IPC.

Coa chegada das vacacións de verán, a Concellaría de Educación de Ames puxo en marcha o programa de conciliación Xuño Lúdico, no que está a participar rapazada do segundo ciclo de infantil e de educación primaria entre o 24 e o 28 de xuño. En total, o Xuño Lúdico acolle a 196 nenas e nenos, que están repartidos do seguinte xeito: 116 no CEIP da Maía, de Bertamiráns; e 80 no CEP de Ventín. A iniciativa ofrece un amplo abano de actividades educativas e culturais pensadas para todos os rapaces e rapazas daquelas familias que precisen conciliar a súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar. Nesta edición do programa, os cativos e cativas aprenden sobre o deporte e a igualdade para traballar aspectos como os beneficios que aportan o deporte ou a necesidade de poñer as gafas violetas en todos os aspectos da vida cotiá.

O IES do Milladoiro, en colaboración coa ANPA do IES do Milladoiro e co Concello de Ames, organizou unha serie de actos para hoxe, venres 21 de xuño, co obxectivo de celebrar seu o décimo aniversario. Deste xeito, ás 10.00 horas inaugurouse na Casa da Cultura do Milladoiro a exposición “Ao son da Oralidade, da pedra á palabra”. Esta exposición é froito dun traballo de investigación colaborativo do alumnado do IES Milladoiro co do IES Marco do Camballón, e foi gañadora do premio Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego. A maiores, no marco da celebración do décimo aniversario, no auditorio da Casa da Cultura celebrouse unha gala na que participaron alumnos/as e profesores/as de diversos niveis. Foi unha gala chea de emoción, arte e creatividade, na que se fixo un percorrido por estes dez anos de ensino público.
- ‹ anterior
- 3 de 23
- siguiente ›