Actualidad

Por ejemplo, 11-04-2025
Por ejemplo, 11-04-2025
Martes, 25 de febrero de 2025
Ames homenaxea a Rosalía de Castro nunha gala protagonizada polo alumnado dos centros educativos

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte, 24 de febreiro,  unha gran festa rosaliana, o evento central das actividades organizadas polo concello para conmemorar o mes da autora. A Gala Rosalía, que contou cunha gran participación da veciñanza e do alumnado dos centros educativos de Ames, puxo en valor a figura da escritora e a súa vinculación co concello. Canda a veciñanza de Ames, na gala participaron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e María López Sández, membro tamén da dita fundación.  O acto  pechouse cun concerto de Uxía Senlle e Santi Cribeiro que remataron cantando o tema “No bico un cantar” con boa parte do alumnado presente con eles no escenario. Pódese acceder á galería completa de imaxes na seguinte ligazón.

Lunes, 24 de febrero de 2025
50 persoas participaron na excursión literaria “Viaxando con Rosalía”

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 22 de febreiro, unha nova edición da excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, a través da cal se visitaron algúns dos lugares máis emblemáticos da vida e da obra de Rosalía de Castro con motivo da conmemoración do aniversario da autora. A excursión literaria, na que participaron cincuenta persoas, estivo guiada pola profesora e experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón.

Jueves, 20 de febrero de 2025
Aberto o prazo de inscrición para participar na sesión de picadiscos “Marifaltri” do programa Apego

O proxecto Apego continúa coa súa programación neste mes de febreiro coa actividade “Picadiscos Marifaltri” da artista María Faltri, que terá lugar o vindeiro venres 28 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición para participar nesta actividade está aberto dende hoxe, 20 de febreiro, ata o xoves 27. Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un número de teléfono de contacto.

Sábado, 15 de febrero de 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición para a excursión literaria “Viaxando con Rosalía”

O vindeiro sábado 22 de febreiro está programada unha excursión literaria baixo o nome de “Viaxando con Rosalía”. Esta actividade, enmarcada dentro da programación municipal “Rosalía Ames 2025” para celebrar o Día de Rosalía, consistirá nunha visita á casa da escritora en Padrón da man da experta rosaliana María López Sández. Conta cun total de 55 prazas, polo que para participar é preciso inscribirse enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número 662 377 215, entre o 14 e o 20 de febreiro. Poñerase a disposición dos asistentes un servizo de autobús, que sairá dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:30 horas e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:45 horas.

Viernes, 14 de febrero de 2025
A comunidade educativa amesá reafírmase na activación do Modo Galego cantando e bailando

Durante 4 semanas máis de 2.500 nenos e nenas do concello de Ames comprometéronse a falar galego o máximo posible con todo o mundo e en todos os contextos da vida cotiá, dentro e fóra das aulas, xogando e conversando coas amizades, nas tendas, nas actividades extraescolares, na casa. Participaron a través do programa Modo galego, Actívao!, impulsado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega. A través de 16 retos o alumnado participou en diferentes actividades nas que se fomentou o uso da lingua galega. A terceira edición deste proxecto de investigación e acción implicou dunha maneira lúdica os nenos e nenas dos centros públicos de infantil e primaria amesáns e, como novidade, este ano estendeuse ao alumnado de 1º e 2º da ESO dos institutos do Milladoiro e Bertamiráns.

Jueves, 13 de febrero de 2025
O Concello de Ames presenta a programación do Día de Rosalía 2025, no que se conmemora a figura da escritora

O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu está mañá a presentación da programación de actividades con motivo do Día de Rosalía, que se conmemora cada ano o 23 de febreiro. As actividades, que se desenvolverán entre os meses de febreiro e marzo, buscan, entre outras cuestións, revitalizar o pensamento, figura e obra de Rosalía de Castro, así como poñer en valor o vínculo da escritora con Ames. Ademais, búscase achegar á veciñanza, sobre todo entre a mocidade, a figura, obra e legado da escritora en Ames. Pódese descargar a programación completa desta edición na seguinte ligazón.

Viernes, 31 de enero de 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición para asistir ao concerto de Pakolas, incluído no programa Apego

A programación do Apego continúa ao longo do mes de febreiro co concerto “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, o novo proxecto de Pakolas, que estará na Casa da Cultura de Bertamiráns o vindeiro venres 7 de febreiro, ás 18.00 horas. As persoas interesadas en asistir a esta actividade, poderán facelo dende hoxe venres, 31 de xaneiro, ata o vindeiro día 6 de febreiro. Para inscribirse, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Jueves, 19 de diciembre de 2024
Rapazada de Ames no obradoiro de Enreguéifate

O proxecto Enreguéifate pecha este primeiro trimestre escolar cun total de sesenta obradoiros de improvisación oral realizados nunha trintena de centros dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. O prazo de participación no certame abrirá do 20 de xaneiro ao 20 de marzo. Os galardóns entregaranse o 19 de maio no Auditorio de Galicia.

Martes, 10 de diciembre de 2024
Os integrantes do grupo Os da Ría serán os encargados de presentar e amenizar a gala

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, organizou un ano máis os Premios Lingua e Empresa. Desta volta, presentáronse 34 empresas, unha máis que na edición do pasado 2023. A alta participación indica a consolidación desta convocatoria como un incentivo para promover o uso do galego no tecido empresarial de Ames. As empresas gañadoras desta edición coñeceranse na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro este xoves, 12 de decembro, ás 20.30 horas. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.

Domingo, 08 de diciembre de 2024
O magnetismo da regueifa espállase polos centros escolares de Ames

Enreguéifate, puro magnetismo! é o lema da oitava edición que deu comezo no pasado mes de outubro cun obradoiro de formación para profesorado. Agora, no mes de decembro impartiranse os obradoiros de improvisación oral nos centros escolares de Ames dende o martes 10 de decembro. Ata o 19 de decembro, participarán nesta iniciativa o IES Plurilingüe de Ames, o IES do Milladoiro, o CEIP A Maía, o CEIP de Ventín e o CEIP Agro do Muíño. Serán un total de trece obradoiros, dirixidos a alumnado de 5º e 6º de primaria e do primeiro ciclo ESO, impartidos por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.