Actualidad
A Concellaría de Mocidade ten programada para o sábado 23 de marzo unha nova actividade do programa Trouleando, dirixida a mozos/as de Ames a partir de 12 anos. Neste caso, organizouse un descenso de rafting polo tramo do río Ulla que discorre entre Carcacía e Herbón. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto do 7 ao 13 de marzo. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. As prazas son limitadas, e cubriranse por orde de chegada das inscricións. Esta actividade é de balde e está organizada polo departamento de Xuventude.
Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación no novo Club Xuvenil de Ames, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Mocidade. Neste grupo poderán participar ata 30 mozos e mozas de entre 13 e 18 do Concello de Ames, e as actividades que se leven a cabo estarán coordinadas por dous monitores da empresa Aquelando SL, coworkers do espazo colaborativo A Proa. As actividades estenderanse de marzo a decembro, facendo un parón durante o verán nos meses de xullo e agosto.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xuventude e a XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames), organiza este Nadal a primeira Xincana Xove, con probas para que a mocidade explore o concello e o coñeza de xeito participativo e divertido. O acto de presentación tivo lugar esta mañá na Casa do Concello. A actividade está dirixida a mozos e mozas entre os 14 e os 30 anos de calquera concello de Galicia, que deberán competir en equipo, e as inscricións poderán facerse a través deste formulario web.
O Concello de Ames, a través do seu departamento de Xuventude, organiza unha nova edición do curso de monitor de tempo libre. As clases, impartidas pola ETL Aventeira Escola, terán lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e desenvolveranse ao longo dos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril durante as fins de semana, en horario de 9:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:30 horas. Cun prezo de 172 euros, este curso está dirixido a mozos/as maiores de 18 anos que sexan técnicos auxiliares en formación profesional ou que conten co graduado en educación secundaria ou equivalente. Ofértanse un total de 25 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. Pódense consultar as bases da convocatoria e o calendario de clases premendo nesta ligazón. O formulario de inscrición pódese descargar premendo aquí.
“San Froilán”, “Cociñeiras festeiras”, “Facendo un estoque dende cero”, “O retrato de Dorian Gray, Oscar Wilde”, “O galego non é de vellos” e “Prepo Rap” foron os vídeos gañadores do Galetiktokers 2023. Os premiados déronse a coñecer nunha gala celebrada o pasado venres, 10 de novembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, que estivo presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado por Onda Dagda, grupo musical amesán de rock composto por mozos e mozas que ensaian na Factoría. Asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e maila concelleira de Mocidade, Carmen Porto. En total repartíronse 1.800 euros en premios. Premendo nesa ligazón podes acceder a unha galería fotográfica da Gala.
A Concellaría de Xuventude organiza para o mes de novembro unha nova actividade para a mocidade amesá e para persoas en xeral con perfís profesionais educativos. Desta volta, organiza un curso de formación en igualdade para perfís educativos denominado Lentes Violetas, que se vai desenvolver o 22 de novembro, de 10.00 a 12.00 horas, no Pazo da Peregrina. Trátase dunha actividade que é de balde, pero para participar hai que inscribirse. Para elo hai que enviar ata o 16 de novembro o impreso de inscrición ao enderezo xuventude@concellodeames.gal.
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o vindeiro venres, 10 de novembro, ás 20:00 horas, a gala de entrega de premios do IV Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por cuarto ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta cuarta edición presentáronse 51 vídeos, realizados por máis de 120 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado polo grupo amesán, Onda Dagda. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia ata as 14.00 horas do 8 de novembro, enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers23@gmail.com.
Dende ás 11.00 horas de hoxe, 25 de outubro, e ata as 11:00 horas do venres, 27 de outubro, está aberto o prazo para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Ames, que pretende estimular a creatividade da rapazada animando á creación audiovisual en galego. Nesta cuarta edición presentáronse 51 vídeos, realizados por máis de 120 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do IV Certame Galetiktokers.
A Concellaría de Xuventude organizou un novo curso de lingua de signos (LSE) para a poboación moza. A formación comezou este xoves, 5 de outubro, e impartirase durante os meses de outubro, novembro e decembro na Casa da Cultura do Milladoiro. Participan 20 mozos e mozas de 16 a 35 anos. A través da formación, a mocidade poderá adquirir as ferramentas necesarias para o desenvolvemento das principais destrezas comunicativas das linguas viso-xestuais.
A Concellaría de Xuventude convoca un novo curso de lingua de signos (LSE) para a poboación moza. A formación impartirase nos meses de outubro, novembro e decembro na Casa da Cultura do Milladoiro. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo enviando este impreso debidamente cuberto e asinado ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre o 15 e o 21 de setembro. As prazas son limitadas.
- ‹ anterior
- 3 de 13
- siguiente ›