Actualidad

Por ejemplo, 26-04-2025
Por ejemplo, 26-04-2025
Sábado, 22 de enero de 2011

[22-01-2011] Esta semana abriuse o prazo de preinscrición dos cursos preparatorios para a obtención dos Celgas -niveis 1, 2, 3 e 4- no concello de Ames e rematará o 24 de febreiro. Os cursos do concello impartiranse nos meses de abril, maio e xuño en horario de 20.00 a 22.30. O prazo de preinscrición ten como finalidade determinar se hai un número suficiente de demandantes que xustifique a realización do curso, xa que segundo establecen os requisitos da Secretaría Xeral de Política Lingüística para que os concellos poidan solicitar os cursos, estes deben ter como mínimo 20 persoas preinscritas en cada un dos niveis Celga. O concello non poderá solicitar os cursos daqueles niveis nos que non se chegue aos 20 alumnos.

Sábado, 22 de enero de 2011

[22-01-2011] Alumnos e alumnas de 2º, 4º e 6º de Primaria de varios centros públicos do Concello visitarán ao longo dos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril a biblioteca municipal de Ames para familiarizarse co seu funcionamento e características. Os nenos e nenas poderán aprender por medio dun xogo de pistas no que terán que esforzarse por recuperar informacións. Con esta iniciativa búscase dar a coñecer a biblioteca e os seus fondos á poboación escolar para que se interesen polo seu uso.

Sábado, 22 de enero de 2011

[22-01-2011] O Concello de Ames está levando a cabo diversas accións co obxectivo de fomentar o emprego local entre a veciñanza amiense. Existen varias ferramentas que a Administración local leva desenvolvendo no eido da formación e que están dirixidas ás persoas desempregadas para que poidan optar a traballos en sectores dun maior índice de ocupacionalidade. Rematado o 2010 toca facer balance e avaliar as políticas activas de emprego postas en marcha durante o pasado ano. Un total de 327 persoas participaron nas diferentes accións de formación e de fomento do emprego, así como nos programas formativos desenvolvidos durante o 2010. A través dos programas de cooperación contratáronse 33 persoas que integraron diferentes brigadas e que traballaron en varios programas municipais. Na actualidade estase desenvolvendo a cuarta edición do programa InserAmes do que se están beneficiando 100 usuarios/as. Durante o ano pasado Ames dedicou 1.379.798,90 euros (procedentes dos fondos propios e de diferentes axudas doutras administracións) ás políticas activas de emprego.

Viernes, 21 de enero de 2011

[21-01-2011] A aula de informática do Milladoiro acolle desde esta semana un curso de iniciación a internet para os membros do Club de Pensionistas e Xubilados do Milladoiro (JUPEMI). Este obradoiro desenvolverase ata o 16 de marzo, todos os mércores entre as 16:30 h. e as 17:30 horas. As nove persoas que están inscritas ata o de agora terán a oportunidade de familiarizarse co manexo desta útil ferramenta, aprendendo a usar internet para toda unha serie de actividades da súa vida diaria.

Viernes, 21 de enero de 2011

[21-01-2011] "Foi un papel pequeno pero deume a oportunidade de estar nun proxecto no que se amosou a gran calidade dos profesionais galegos". O amiense Xabier Estévez, a quen moitos e moitas coñecen polos seus papeis en series como Padre Casares, Mareas Vivas, Matalobos, Manolito Gafotas e Hospital Central, e pola súa presenza desde hai vinte anos nos elencos do Centro Dramático Galego e doutras compañías teatrais do país, fixo o papel de xefe dos GEOS en Celda 211. O actor, que acaba de estrear con éxito "Retornos", a súa primeira longametraxe como protagonista, achegouse ata Ames Radio para presentar a película que hoxe venres, ás 20:00 horas da tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns, abrirá o segundo ciclo de Cine Xove que organiza a concellaría de Mocidade.

Viernes, 21 de enero de 2011

[21-01-2011] O 31 de xaneiro rematan os traballos que está realizando a brigada de patrimonio. Este grupo de traballo estase encargando de acondicionar e mellorar o contorno de diversas instalacións e espazos patrimoniais do concello. A devandita brigada púxose ao servizo do Concello a través do Plan de Cooperación 2010 "Adaptabilidade e Emprego" da Xunta de Galicia, por un período de seis meses que se iniciou o pasado verán -o 1 agosto- e remata o 31 deste mes de xaneiro. A finalidade desta actuación é eliminar o "feísmo" dos espazos habitados do concello, promover a conservación dos elementos patrimoniais para que se manteñan en bo estado ao longo do tempo e eliminar o risco de accidente para os cidadáns que visitan este tipo de espazos.

Viernes, 21 de enero de 2011

[21-01-2011] O Concello de Ames comunícalle a todos os veciños e veciñas que o luns 24 de xaneiro unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase ata o Milladoiro. Todos os amienses que desexen doar sangue tan só teñen que achegarse ata a unidade móbil que estará situada na rúa Cruxa, ao carón do supermercado El Árbol, en horario de mañá, de 9:30 h. a 14:30 horas, e de tarde, de 15:30 h. a 21:00 horas.

Jueves, 20 de enero de 2011

[20-01-2011] Todos aqueles nenos e nenas que o desexen aínda teñen a posibilidade de inscribirse no obradoiro de paz que se desenvolverá o mércores 26 e o xoves 27 nas bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 22 de xaneiro. Durante o mes de xaneiro a Biblioteca Municipal de Ames fai xirar a súa programación arredor dun concepto tan importante como a paz, un valor para as xeracións máis novas que poderán aprender sobre esta ao longo destes días. Ademais haberá novas sesións de contacontos ao longo de toda esta semana. O lema da campaña é "Xaneiro: só tres letras, PAZ".

Jueves, 20 de enero de 2011

[20-01-2011] Ante a vaga de roubos que se produciron nas últimas semanas nalgúns municipios da comarca, os responsables de seguridade do Concello de Ames puxeron en marcha diversas medidas co obxectivo de manter os niveis de seguridade alcanzados e para que non se experimente un incremento do número de delitos. A Policía local incrementará a vixilancia en todos aqueles lugares que son máis propensos a ser obxecto de posibles roubos. Preténdese deste xeito adoptar medidas preventivas, por parte dos corpos de seguridade, para evitar actos vandálicos. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, insiste en que se continúa na mesma liña de traballo, pero de xeito máis intenso para tratar de que non se produzan estes incidentes no termo municipal amiense.