Actualidad

Por ejemplo, 09-11-2024
Por ejemplo, 09-11-2024
Lunes, 28 de octubre de 2024
Preto de 1.100 persoas desfrutaron do XIX Festival internacional de Maxia de Ames

As Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro volveron ser protagonistas un ano máis do Festival internacional de Maxia “FestiMax”, unha das citas máis características do outono amesán, que se celebrou os días 25, 26 e 27 de outubro. O evento, que reuniu a un total de 1.056 persoas, estivo cargado de humor, sorpresas e ilusionismo. Houbo espectáculos moi variados e de gran calidade artística. A veciñanza amesá puido desfrutar ao longo de tres xornadas dos espectáculos e obradoiros de magos galegos e internacionais. Nunha sondaxe que se fixo ao saír das distintas sesión da Gala máxica internacional, as persoas asistentes manifestaron que este ano sorprendeunos positivamente a variedade e estilo dos números, que incluíron desde maxia de preto e cómica ata grandes ilusións. Preme nesta ligazón para ver a galería fotográfica do FestiMax 2024.

Lunes, 28 de octubre de 2024
O Trouleando de novembro propón unha xornada de karting na Coruña

A Concellaría de Mocidade ten programada para o domingo 17 de novembro unha nova actividade do programa Trouleando dirixida a mozos/as de Ames. Neste caso, organizouse unha xornada no Karting Marineda da Coruña, o circuíto indoor más grande de Galicia. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto do 30 de outubro ao 5 de novembro. Para inscribirse hai que enviar a ficha cuberta ao enderezo xuventude@concellodeames.gal. As prazas son limitadas, e cubriranse por orde de chegada das inscricións. Esta actividade é de balde e está organizada polo departamento de Xuventude.

Lunes, 28 de octubre de 2024
Participa no obradoiro de teatro físico impartido pola compañía teatral LaGriot´te

O vindeiro 8 de novembro, ás 19:00 horas, o grupo  de teatro LaGriot´te impartirá na Casa da Cultura de Bertamiráns un obradoiro de teatro físico, no que indagar sobre o poder da imaxinación e a capacidade do corpo para contar e amosar historias. Para participar nesta actividade, dirixida a maiores de 16 anos, só hai que enviar un correo a cultura@concellodeames.gal indicando nome, apelidos, idade e un teléfono. Ofértanse un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición.

Domingo, 27 de octubre de 2024
O Concello de Ames e Cáritas estudan posibles vías de colaboración para mellorar o sistema de xestión do roupeiro municipal

O Goberno municipal está valorando varias opcións para mellorar a xestión do servizo de roupeiro municipal que coordina a Oficina de Voluntariado de Ames. Neste senso, esta semana mantívose unha xuntanza coa directora de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, que lle explicou ao alcalde e á concelleira de Benestar Social como funciona o sistema de téxtil que xestiona esta entidade. Dende Cáritas solicitaron a colaboración do Concello para poder traballar de xeito conxunto e poder instalar contedores de roupa en Ames. O roupeiro municipal atende arredor de 500 solicitudes ao longo do ano.

Sábado, 26 de octubre de 2024
Preto de 1.700 veciños e veciñas de Ames practican deporte a través da Escolas deportivas municipais

O pasado 1 de outubro deu comezo un novo curso das Escolas deportivas municipais, nas que preto de 1.700 veciños e veciñas de Ames participan en 18 actividades, que se enmarcan nos programas de Formación deportiva e Ponte en forma. Este curso as actividades que teñen maior participación son pilates con 340 participantes, patinaxe con 202 e aerozumba con 158. Na actualidade, hai 1.670 usuarios/as inscritos, pero dende o departamento de Deportes agardan que esta cifra se incremente ata polo menos os 1.700 participantes, porque aínda se están tramitando inscricións nas prazas que quedaron libres. Deste xeito, a Concellaría de Deportes mantén aberto o prazo para anotarse nas prazas libres das Escolas deportivas municipais 2024/2025. As persoas interesadas poden xestionar a matrícula de xeito telemático a través da plataforma Cronos, no módulo “inscrición en clases”.

Sábado, 26 de octubre de 2024
O Punto Limpo recolleu en setembro máis de dúas toneladas de madeira

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou 757 entradas en setembro. Durante o pasado mes destaca a achega de 2.507 quilogramos de madeira, 1.953 quilogramos de lixo procedente da construción (formigón, ladrillos e outros), 1.056 quilogramos de metais e 828 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES). Ademais, a través do Punto Limpo móbil recolléronse diferentes residuos en 16 entradas.

Viernes, 25 de octubre de 2024
Imaxe da xuntanza mantida esta mañá no Pazo de Raxoi

O alcalde de Ames, Blas García, asistiu esta mañá á xuntanza de alcaldes e alcaldesas dos Concellos implicados na comarcalización do servizo de bombeiros. Dita xuntanza foi convocada pola alcaldesa de Santiago de Compostela, para explicar os avances neste proxecto. O concelleiro de Mobilidade e Convivencia de Santiago de Compostela, Xan Duro, presentou na reunión o anteproxecto do edificio do novo parque, que se vai situar na avenida do Cruceiro da Coruña e non en Salgueiriños como estaba previsto. Todos os Concellos mostraron o seu apoio a esta localización "que garante unha mellor operatividade para os demais municipios implicados".

Viernes, 25 de octubre de 2024
Ames acolle durante esta fin de semana o XIX Festival internacional de Maxia “FestiMax”

As Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollen este venres, sábado e domingo o XIX Festival internacional de Maxia de Ames. Este festival, organizado polo Concello de Ames en colaboración da Deputación da Coruña, conta cun programa repleto de espectáculos e obradoiros dirixidos a todos os públicos. Este ano como novidade inclúese na programación un photocall máxico, unha sesión de maxia para maiores, e outra para bebés para a que xa están esgotadas as entradas. Quedan entradas dispoñibles para a última sesión da gala máxica internacional, o domingo 27 de outubro ás 19:30 horas en Bertamiráns. Tamén queda algunha praza dispoñible para os obradoiros de maxia. As entradas pódense adquirir na Billeteira electrónica.

Jueves, 24 de octubre de 2024
O Concello de Ames presenta a sétima edición dos Premios Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá

O Concello de Ames pon en marcha por sétimo ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata o 21 de novembro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar. A dotación económica do premio é de 3.000 euros, que serán repartidos entre dúas categorías. Este ano, como novidade, a concellería de Promoción Económica volve unirse ao Servizo de Normalización Lingüística na organización destes premios. Arredor de 70 empresas presentáronse a este certame nas seis edicións anteriores. As bases do concurso e a ficha de inscrición pódense descargar premendo nesta ligazón.

Jueves, 24 de octubre de 2024
A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a partir do 25 de outubro a exposición fotográfica “Proxectos de axuda á infancia” da Fundación Tierra de Hombres

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá entre o 25 de outubro e o 29 de novembro a exposición fotográfica “Proxectos de axuda á infancia”, da Fundación Tierra de Hombres. A inauguración da mostra será este venres, 25 de outubro, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Na inauguración estará presente o delegado da fundación en Galicia, en compañía dunha familia de acollida que compartirá a súa experiencia e ofrecerá información a aquelas persoas interesadas en colaborar. Esta exposición conta coa colaboración do Concello de Ames.