Actualidade

Ex., 11-06-2025
Ex., 11-06-2025
Venres, 02 de maio de 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na andaina saudable que percorre o quinto tramo do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde retoma a programación de Andainas Saudables, que está a percorrer o Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía por etapas. Desta volta, será a quenda da quinta etapa, que vai dende Dumbría ata Os Muíños. A andaina realizarase o vindeiro sábado, 10 de maio, e as persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, 7 de maio, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:00 horas; e dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:15 horas.

Xoves, 01 de maio de 2025
O Pleno aproba a adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar á empresa Atende Care SL por preto de tres millóns de euros

A Corporación municipal aprobou por unanimidade a resolución e adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar; a ratificación do  decreto sobre a subsanación de deficiencias das obras de pavimentación do viario de Capeáns a Pousada; a ratificación dos decretos de personación e defensa no procedemento abreviado 80/2025, tramitado no Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago de Compostela; a aprobación inicial do regulamento do consello sectorial da xuventude; a modificación do convenio de colaboración do programa Xantar na casa; a adhesión do Concello á asociación Ames Solar; e a modificación do regulamento do servizo de atención temperá. Tamén se aprobou por maioría absoluta a modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, bos días cole e tardes divertidas; e maila excepción dos límites cuantitativos relativos aos investimentos do proxecto Ames Digital Water. Ademais, aprobáronse por unanimidade unha declaración institucional do grupo municipal socialista para establecer de interese xeral do estado a ampliación da EDAR de Sisalde; e unha moción do grupo municipal popular sobre a mellora de diversas vías do Concello de Ames. A moción do grupo municipal do BNG para amosar o rexeitamento do pleno ao proxecto de construción da macrocelulosa de ALTRI en Palas de Rei foi aprobada por maioría absoluta. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

Xoves, 01 de maio de 2025
O Punto Limpo recolleu ao longo do mes de marzo 5.019 quilogramos de lixo procedente da construción

O centro de depósito de residuos rexistrou 693 visitas no punto limpo de O Milladoiro e 44 no punto limpo móbil. Durante o pasado mes destaca a achega de 812 quilogramos de plástico, 729 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES), 3.072 quilogramos de madeira e 5.019 quilogramos de mistura de formigón, ladrillos e outros refugallos procedentes da construción. O Punto limpo móbil ampliou os seus servizos, polo que o último sábado de cada mes presta servizo nas urbanizacións de Aldea Nova, As Mimosas e Agro do Muíño.

Mércores, 30 de abril de 2025
O Concello de Ames poñerá terreos a disposición da Xunta de Galicia para a construción dunha residencia pública en Ames

O Concello de Ames porá a disposición da Xunta de Galicia terreos para a construción dunha residencia de maiores no termo municipal amesán. Este ofrecemento está motivado nas recentes declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que anunciou o plan de residencias “máis ambicioso” da historia. Dende o Concello de Ames foron varios os alcaldes, de distinto signo político que trataron, sen éxito, de que o goberno autonómico aténdese esta reclamación histórica que se está a converter nunha necesidade ineludible.

Mércores, 30 de abril de 2025
A Xunta renovará a cuberta do CEIP de Barouta e eleva a case 16 millóns de euros o investimento nos centros educativos de Ames

 A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licitou a obra de cambio de cuberta do CEIP de Barouta por máis de 230.000 euros, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do centro. A previsión, suxeita aos correspondentes trámites administrativos, é iniciar a obra a finais de xuño, tras a fin do curso académico, e rematala en setembro deste ano.

Mércores, 30 de abril de 2025
A Escola Municipal de Música de Ames abre este venres o prazo de renovación de praza para o alumnado matriculado neste curso

A partir do vindeiro venres, 2 de maio, estará aberto o prazo para que o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames  (EMMA) poida renovar a súa praza de cara ao vindeiro curso 2025-2026. A solicitude poderase realizar ata o venres 9 de maio, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro, situadas na Casa do Concello (Bertamiráns) e na Oficina municipal do Milladoiro. Premendo nesta ligazón podes descargar o impreso de solicitude de renovación de praza.

Mércores, 30 de abril de 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na actividade de Guadi Galego e Guillerme Fernández “Arrolos de salitre”

O programa do Apego continúa coa súa programación de actividades para as crianzas amesás neste vindeiro mes de maio. Desta volta, co obradoiro de cantos de berce “Arrolos de salitre”, de Guadi Galego e Guillerme Fernández, que se desenvolverá o vindeiro venres 9 de maio, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, mércores 30 de abril, ata o vindeiro xoves día 8 de maio. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Martes, 29 de abril de 2025
Imaxe de arquivo do salón de plenos

Este mércores, día 30, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de abril. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a resolución e adxudicación do novo contrato do servizo de axuda no fogar; a aprobación definitiva da modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, bos días cole e tardes divertidas; a subsanación das deficiencias do proxecto de obras de pavimentación do viario de Capeáns a Pousada (Covas) POS+2025; a aprobación inicial do regulamento do consello sectorial da xuventude; a adhesión do Concello á asociación Ames Solar; e a modificación do regulamento de prestación do servizo de atención temperá dos Concellos de Teo e Ames, entre outros temas. Ademais, abordarase unha declaración institucional do grupo municipal socialista para establecer de interese xeral do estado a ampliación da EDAR de Sisalde, unha moción do grupo municipal popular sobre a mellora de diversas vías do Concello de Ames; e unha moción do grupo municipal do BNG para amosar o rexeitamento do pleno ao proxecto de construción da macrocelulosa de ALTRI en Palas de Rei. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

Martes, 29 de abril de 2025
O Concello de Ames recupera a normalidade tralo apagamento eléctrico e de telecomunicacións acontecido este luns 28 de abril

O Concello de Ames organizou un operativo especial tralo apagamento eléctrico e de telecomunicación sufrido dende as 12.33 deste luns 28 de abril en todo o territorio nacional. Dende o primeiro momento priorizouse poder ofrecer o servizo de  comedores escolares municipais na xornada de onte, garantir o abastecemento de auga, atender a persoas maiores que viven soas e atender a aquelas persoas vulnerables con algún tipo de enfermidade que necesitan a asistencia de máquinas sanitarias. Ademais, a Casa do Concello  estivo aberta ata o restablecemento do subministro eléctrico, para atender calquera incidencia ou necesidade da veciñanza. Deste xeito, estableceuse un punto de referencia para posibles emerxencias.

Martes, 29 de abril de 2025
A IV Carreira de Orientación do Concello de Ames celebrarase o vindeiro domingo 11 de maio

A IV Carreira de Orientación do Concello de Ames celebrarase o vindeiro domingo 11 de maio. A proba, desta volta, realizarase na localidade do Milladoiro, a partir das 11.00 horas. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro mércores, 7 de maio, ata as 23.59 horas, e pódese facer a través desta ligazón.