Actualidade

O Concello de Ames está dando os primeiros pasos no proxecto “Ames Dixital Water”, dotado cunha axuda de 1.131.309,77 euros a través do plan PERTE, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, para a dixitalización do ciclo urbano da auga. A través do uso da tecnoloxía, búscase facer unha xestión máis eficiente e eficaz do ciclo completo da auga, desde a captación ata a reutilización. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.356.375,49 euros. O 83,40% do orzamento total será sufragado con fondos europeos, mentres que o 16,60% restante, 225.065,72 euros, serán sufragados con fondos municipais.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que ata o vindeiro 9 de xuño está aberta a convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades complementarias aos servizos sociais comunitarios e inclusión social. Con estas axudas búscase reforzar a colaboración coas entidades que leven a cabo actividades complementarias aos servizos sociais, e que favorezan a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral. Ao igual que en 2024, a contía total volve a acadar os 60.000 euros. A tramitación para solicitar estas axudas debe facerse a través da Sede electrónica do Concello de Ames. O prazo de solicitude é un mes a contar desde o día seguinte á publicación da convocatoria no BOP da Coruña e, como neste caso, remataría nun día inhábil (domingo), o prazo prorrógase finalmente ata o luns 9 de xuño. Podes acceder ás bases da convocatoria na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, publica as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésima segunda edición do Certame Literario Concello de Ames. Nesta ocasión, presentáronse 158 traballos, un número similar respecto das edicións anteriores. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición serán María López Sández, Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual.

Este venres, 9 de maio, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a décimo sétima Gala do Deporte, un evento que reuniu a numerosos deportistas e clubs do concello. Guillermo Carracedo Robelo e Blanca Millán Modía foron galardoados como deportistas máis destacados na categoría masculina e feminina, respectivamente, nun acto que contou con diversos espectáculos e no que se tamén se lle realizou un recoñecemento especial a Jorge Pérez Fernández, do Club ciclista Os Esfola Arrós, e se premiou ao Real Aero Club de Santiago como entidade colaboradora. A atleta, Emma Méndez Martínez, exerceu como madriña da XVII Gala do Deporte.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, organiza un programa grupal para a mellora da calidade do sono, un dos piares fundamentais para o noso benestar físico e emocional. O programa comeza o luns 19 de maio e está composto por un total de sete sesións, que se desenvolverán os luns, de 17.00 a 18.30 horas, no Pazo da Peregrina. Hai 20 prazas dispoñibles e podes realizar a inscrición a través da seguinte ligazón. O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 14 de maio e as prazas adxudicaranse por sorteo no caso de haber un número de inscricións superior ás prazas ofertadas. Para máis información sobre o curso pódese chamar ao 641 993 858. Podes obter máis información na seguinte ligazón.

A IV Carreira de orientación do Concello de Ames celebrarase o vindeiro domingo 11 de maio. A proba, desta volta, realizarase na localidade do Milladoiro, a partir das 11.00 horas. 240 persoas inscribíronse nesta actividade, que organiza a Concellaría de Deportes en colaboración con Xesta Natureza. 135 persoas inscribíronse na categoría xestiñas, 65 persoas participarán na categoría xestas, e 40 na categoría xesteiras.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu esta mañá a presentación da segunda edición do ciclo de monólogos do Concello de Ames, que se celebrará entre os vindeiros días do 22 ao 25 de maio. Este ano contarase coa participación de figuras recoñecidas como Marta Doviro, Evaristo Calvo, Federico Pérez ou Soledad Felloza que, ademais, estarán acompañadas de artistas emerxentes como José Blanco, Kari Carbone, Cata Ukelele e Matías Cubilla. Os espectáculos desenvolveranse tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames.

O programa Apego continúa o seu programa de actividades durante o mes de maio coa actividade “Foliada con Apego”, que se vai desenvolver no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o venres 16 de maio, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 15 de maio, no que se indique o nome da actividade, nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2025 pode consultarse premendo nesta ligazón.

A área deportiva de Bertamiráns vai acoller o vindeiro mércores, 14 de maio, unha exhibición de medios da Garda Civil. Pola mañá, de 10.00 a 14.00 horas, a exhibición está dirixida ao alumnado dos centros educativos, mentres que pola tarde, de 16.00 a 18.00 horas, o acceso será libre para a veciñanza que queira acudir. A través desta actividade o servizo da Garda Civil ofrece unha exhibición dos seus servizos. Ao mesmo tempo faise unha recollida de alimentos non perecedoiros. Anímase a veciñanza a colaborar nesta iniciativa solidaria. Todos os produtos que se recollan serán doados a Cáritas Milladoiro e Cáritas San Xoan de Ortoño.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este venres, 9 de maio, a XVII edición da Gala do Deporte, onde se homenaxeará aos deportistas máis destacados de Ames, xunto coas diversas entidades deportivas do concello. O acto terá lugar ás 20.30 horas e, un ano máis, estará presentado polos xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño. A votación do público para escoller o seu deportista favorito/a está aberta ata hoxe ás 23:59, podes votar na seguinte ligazón.
- 1 de 1379
- seguinte ›