Actualidade

Ex., 24-01-2025
Ex., 24-01-2025
Martes, 20 de setembro de 2022
O Concello de Ames súmase a XV limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA en toda Galicia

O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Dende a Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 25 de setembro, a partir das 10.30 horas. Farase unha limpeza do rego do Ameneiral, dende o parque do Ameneiral ata o lugar de Castrigo. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.

Luns, 19 de setembro de 2022
Inscríbete e participa no obradoiro de conservas tradicionais de froitas e hortalizas organizado pola Aula da Natureza

A Aula da Natureza vén de presentar a programación de actividades para este outono. A primeira actividade será os días 24 e 25 de setembro nas instalacións da Aula, no lugar de Quintáns, pertencente á parroquia da Ameixenda. Deste xeito, para esta fin de semana organízase un obradoiro para aprender a facer conservas tradicionais de froitas e hortalizas. O prazo para inscribirse nesta actividade estará aberto ata o venres 23 de setembro, ás 14.00 horas. Para inscribirse nesta actividade hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Sábado, 17 de setembro de 2022
460 rapazas e rapaces participaron nos campamentos de verán 2022 do Concello de Ames

Un total de once propostas compuxeron a oferta de campamentos de verán do Concello de Ames neste 2022, nos que participaron un total de 460 rapazas e rapaces. As actividades comezaron o 26 de xuño e remataron o pasado sábado 3 de setembro, co peche do último campamento na Granxa Escola El Kiriko. Nove dos campamentos foron xestionados pola Aula da Natureza, mentres que a OMIX organizou outros dous. Con estas iniciativas búscase dotar ás participantes das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia, fomentando a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito de vida saudable, ao tempo que se achegan ao medio natural, ao deporte ou á cultura.

Xoves, 15 de setembro de 2022
Imaxe da presentación

A Aula da Natureza vén de presentar a programación de actividades para este outono. Durante os meses de setembro, outubro e novembro vai a realizar oito actividades sobre as conservas tradicionais de froitas e hortalizas, a limpeza simultánea de ríos promovida por ADEGA en toda Galicia, acampadas na Aula da Natureza, saídas para recoller cogomelos, obradoiro de tecido natural, a segunda edición da feira do monte “Tanto monte, monta tanto”, obradoiro de anacos de bosque: xoias con materias do monte, e unha observación dende o monte de San Marcos do ceo de inverno. Para inscribirse nas actividades de dita programación haberá un prazo de inscrición específico para cada unha delas. O período de inscrición abrirá 10 días antes aproximadamente da realización de cada actividade. Para inscribirse nestas actividades hai que enviar a ficha de inscrición ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Martes, 23 de agosto de 2022
A aldea de Ferreiros, en Agrón, convértese na primeira “aldea modelo” da provincia da Coruña

Ames é o primeiro concello da provincia da Coruña en contar cunha aldea modelo. Este nomeamento chega tras a declaración da aldea de Ferreiros como aldea modelo pola Xunta de Galicia no marco da lei de recuperación da terra agraria de Galicia. A aldea de Ferreiros, en Agrón, conta cunha superficie de 8,55 hectáreas e con 128 parcelas implicadas de 52 titulares catastrais. Ademais, a Xunta declarou aldea modelo á aldea de Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso e á aldea de Cortegazas, no concello de Avión tamén na provincia de Ourense. Coas tres novas declaracións, acádase un total de 21 aldeas modelo aprobadas no conxunto da comunidade para poñer en valor preto de 600 hectáreas.

Venres, 12 de agosto de 2022
Máis de 5.000 árbores plantadas e 20 hectáreas repoboadas co plan de prevención de lumes dende 2017

O Concello de Ames puxo en marcha en 2017 un plan de prevención e defensa contra lumes forestais baseado na plantación de frondosas caducifolias como castiñeiros, bidueiros, noceiras ou roble americano. Dende a súa posta en funcionamento actuouse en cinco parroquias plantando 5.111 árbores en 20 hectáreas de monte grazas á colaboración de máis de 100 propietarios/as que se adheriron ao plan. Tras cinco anos de funcionamento o Goberno municipal valora o Plan como “exitoso” e convida á Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e ao presidente da Xunta a visitar o concello e coñecer o plan de prevención.

Venres, 22 de xullo de 2022
Rapazada na segunda quenda dos campamentos urbanos

A Aula da Natureza está a desenvolver ao longo do mes de xullo os seus campamentos urbanos, dirixidos á rapazada de 6 a 14 anos, e que se realizan nas propias instalacións da aula, situadas na Ameixenda. Uns 50 nenos e nenas completaron as prazas dos campamentos, repartidos entre unha primeira quenda, que se celebrou do 4 ao 15 de xullo, e a segunda, que comezou este luns 18 e rematará o 29 de xullo. As actividades realizadas inclúen obradoiros, saídas, xogos e concursos, co foco posto no coidado e o coñecemento da natureza, o traballo en equipo e a empatía.

Martes, 19 de xullo de 2022
Organízase unha actividade de observación do ceo nocturno e de astronomía cultural

A Aula da Natureza do Concello de Ames, en colaboración co experto en arqueoastronomía Antón Bouza, organizaron unha actividade de observación do ceo nocturno e de astronomía cultural. Esta actividade realizarase no monte de San Marcos e terá unha duración de entre 2 e 3 horas. Haberá dúas sesións, a primeira será este sábado 23 de xullo, mentres que a segunda desenvolverase o sábado 27 de agosto. Para chegar ao monte de San Marcos haberá servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. Para participar é necesario inscribirse. Ofrécense 30 prazas para casa sesión. As prazas cubriranse por orde de inscrición.  

Xoves, 07 de xullo de 2022
Finaliza con éxito o curso técnico de compostaxe impartido no concello de Ames por ADEGA

A Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente informa de que a Asociación Ecoloxista ADEGA rematou o seu primeiro ciclo formativo en mestría en compostaxe en 2022, denominado “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada”, que se desenvolveu do 9 de maio ao 7 de xuño nas instalacións da Aula da Natureza do concello de Ames, situadas no lugar de Quintáns, na Ameixenda. O curso está cofinanciado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Empleaverde para 2021. A proposta de formación completou prazas e algún dos alumnos xa acadou traballo grazas a esta titulación.

Venres, 01 de xullo de 2022
Esta semana comezaron os primeiros campamentos de verán 2022 dirixidos á rapazada amesá

O pasado domingo 26 de xuño deron comezo os campamentos municipais de verán de Ames, que estrearon os mozos e mozas de 6º de primaria viaxando ao campamento da Praia de Patos, en Nigrán, no que permaneceron toda a semana. Ademais, o martes 28 a rapazada de 4º de primaria iniciaron a súa estancia no Ecoalbergue Alvarella, nas Fragas do Eume, mentres que as nenas e nenos máis pequenos, de 5º e 6º de infantil, gozaron de tres xornadas no campamento Fervenzaventura, en Bandeira. Para a vindeira semana, será a quenda dos campamentos urbanos da Aula da Natureza, e das actividades en Galipark e na Granxa Escola Bergando, para alumnado de 3º e 1º de primaria.