Actualidade

O vindeiro domingo, 11 de decembro, ás 17.00 horas, celébrase a terceira festa de Nadal do programa Amessan, na Casa das persoas maiores de Bertamiráns. Haberá música a cargo do grupo de pandereteiras de Amessan e do grupo Elelas, que tamén está xestionado pola Oficina de Voluntariado de Ames. Ademais, farase unha degustación de chocolate con churros. Disporase de servizo de autobuses, baixo demanda, dende O Milladoiro e dende as parroquias. Sairá dende as paradas habituais ás 16.30 horas. Para reservar praza no autobús hai que chamar ao número de teléfono 662 377 044.

Esta mañá presentouse no local social de Biduído “Descarboniza: do desequilibrio aos soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles”, unha iniciativa de educación ambiental centrada na emerxencia climática que busca construír narrativas de futuro sustentables a través do teatro. O proxecto, que está financiado pola fundación Daniel e Nina Carasso e pola Deputación da Coruña, e conta coa colaboración do Concello de Ames, da asociación veciñal O Reguiño de Biduído e do grupo SEPA (USC), bota a andar en Ames, dirixido por integrantes da cooperativa Feitoría Verde e da compañía de teatro Chévere.

Por sétimo ano consecutivo, a Concellaría de Benestar Social presenta a campaña solidaria “Zocos e Trasnos”, unha iniciativa a través da que se pretende que ningún neno nin nena de Ames quede sen agasallo no Nadal. A campaña artéllase en base as cartas que a rapazada, os trasnos, escribe pedindo un regalo concreto. Os veciños e as veciñas de Ames que se apunten como “zocos” actuarán como “paxes dos Reis Magos” achegando ese agasallo aos “puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. O departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, é o encargado de organizar a campaña.

A Oficina de Voluntariado de Ames, dependente da Concellaría de Benestar Social, organiza a partir do próximo martes 15 de novembro un obradoiro de relaxación na Casa das Persoas Maiores de Bertamiráns. Impartirase todos os martes e xoves, en horario de 11:00 a 12:00 horas. As prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

A Oficina de Voluntariado e a Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames celebran este sábado 15 de outubro dous obradoiros, a partir das 11:00 horas no antigo centro de saúde do Milladoiro. Por unha banda, organízase un taller de robótica para nenas e nenos de 7 a 12 anos, con inscricións de balde premendo nesta ligazón. Ademais, de xeito simultáneo haberá un obradoiro de posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores, organizado pola Oficina de Software Libre, para o que tamén se pode confirmar a asistencia de xeito gratuíto nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, vén de asinar un convenio coa empresa Texlimca para colaborar na xestión do servizo do roupeiro municipal. Dita empresa colocou varios contedores en Bertamiráns e no Milladoiro para depositar bolsas con roupa, calzado e complementos. Deste xeito, facilitase a doazón de roupa e ao mesmo tempo farase a selección do material depositado nos contedores de xeito máis áxil e sinxelo. A roupa que estea en bo estado seralle entregada ao Concello de Ames, para repartir entre as persoas que a soliciten previamente. O material que non estea en bo estado será reciclado pola empresa Texlimca. O roupeiro municipal atende arredor de 480 solicitudes ao longo do ano.

O proxecto solidario da organización Cooperación Internacional, “Painting for Others”, achegouse a Ames da man da Oficina de Voluntariado para rehabilitar vivendas de persoas con menos recursos. Na iniciativa, coa que xa se pintou o fogar dunha familia amesá, mozos e mozas voluntarias pintan no seu tempo libre as paredes de casas en estado de precariedade, á vez que gañan consciencia sobre as dificultades de persoas da súa contorna, aportando mans de pintura, calidez e proximidade.

Dende o 1 de xullo e ata o 1 de setembro, o establecemento de Bertamiráns Máis que louza retoma a súa campaña solidaria de recollida de vaixela “Doando sempre gañas”, que na súa anterior edición entre marzo e abril conseguiu xuntar máis de 300 quilos de louza para a Oficina do Voluntariado de Ames. Durante estes meses de verán, a tenda recollerá os aveños e proporcionará un 5% de desconto no establecemento o propio día da doazón. A louza será despois entregada á Concellaría de Benestar Social, que xestionará e repartirá os aportes da veciñanza.

O roupeiro municipal de Ames, xestionado pola Oficina do Voluntariado, atendeu na primeira metade de 2022 máis de 600 demandas de roupa, calzado e útiles da vida cotiá, co fin de axudar á veciñanza amesá a facer fronte as súas necesidades básicas. Ademais, neste período o banco de útiles infantís recolleu 120 aveños, como berces, carriños ou tronas. Durante o verán, o servizo continuará atendendo as solicitudes da poboación, mais o servizo de recollida de doazóns deixará de funcionar ata o vindeiro 15 de setembro.

A recentemente creada Oficina de Voluntariado informático de software libre de Ames, xunto co seu Banco de reciclaxe electrónica, pon en marcha o seu primeiro obradoiro dende o comezo da súa actividade. O servizo, nado da colaboración entre a Concellería de Benestar Social e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), iniciará as súas propostas formativas cun taller de reparación e reciclaxe de altofalantes, que terá lugar este sábado 9 de xullo, de 10:30 a 13:00 horas. As instalacións da oficina están situadas no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.
- ‹ anterior
- 2 de 5
- seguinte ›