Actualidade
O Concello de Ames dispón de dúas Oficinas de Asistencia en Materia de Rexistro (OAMR), unha no Milladoiro e outra en Bertamiráns, nas que se pode rexistrar todo tipo de documentos dirixidos aos departamentos deste Concello a excepción de trámites urbanísticos. Está facultada para recoller escritos dirixidos a calquera órgano administrativo, xa sexa da Administración Xeral do Estado, Administración Autonómica ou Administración Local: Rexistro SIR. Ademais, existe unha terceira Oficina de Asistencia en Materia de Rexistro nas oficinas de Urbanismo na que se recolle documentación unicamente de carácter urbanístico.
O concello de Ames continúa medrando pese á crise demográfica que afecta á maioría dos municipios galegos, rexistrando ata mediados deste ano 146 nacementos e situándose a súa poboación actualmente nos 32.337 habitantes, tendo en conta os datos provisionais que manexa o Concello a través do padrón municipal. Segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE), Ames contaba a 1 de xaneiro de 2019 cun total de 31.793 habitantes (15.236 homes e 16.557 mulleres), o que supón que se sumou case 544 habitantes máis. Fronte á baixada de poboación rexistrada en Galicia que amosan os datos do INE, Ames mantén a tendencia das últimas dúas décadas e segue medrando e sumando habitantes ano a ano.
228 persoas solicitaron permiso para facer a cacharela esta noite de San Xoán en Ames. O lume arderá só en terreos e fincas particulares. A pandemia da Covid-19 limita este ano a realización das fogueiras e sardiñadas ao ámbito privado. As fogueiras deberán estar debidamente separadas de vivendas, árbores, tendidos eléctricos e vehículos. Ademais, as persoas responsables de cada lumieira deberán vixiar o lume até a total extinción do mesmo e ter a man os teléfonos da Policía Local, Protección Civil e Emerxencias. Co gallo de priorizar a seguridade e a protección da saúde pública, recoméndase asemade que as xuntanzas non superen as 25 persoas. O Concello insiste na necesidade de respectar a distancia interpersoal de metro e medio e no uso das máscaras cando non se cumpra esta medida.
O Concello de Ames abre o prazo para solicitar permiso para realizar cacharelas na noite de San Xoán. Este ano, debido á propagación da pandemia da Covid-19, non están permitidas as cacharelas ou sardiñadas en terreos públicos, e soamente será posible realizar cacharelas en terreos privados. O prazo para solicitar permiso está aberto ata ás 14:00 horas do luns 22 de xuño.