As comunidades neolíticas deixaron unha grande pegada na paisaxe da Amaía onde se conservaban importantes campos megalíticos datables entre o IV milenio a.C. e o ano 2100 antes da nosa era (a.n.e.). En Ames hai catalogadas dez mámoas concentradas en catro áreas. No noroeste localizamos o conxunto de Montouto (Sandar) na parroquia de Agrón con tres mámoas. No no norte hai dúas mámoas en Fontenla (Lens) e outras dúas en Cortegada (Ameixenda) no noroeste. Na parte máis meridional do concello, na parroquia de Bugallido, hai tres mámoas que localizan en Firminstáns e Buceleiras.
Das primeiras comunidades metalúrxicas do Calcolítico (2500 a.n.e.) atopáronse restos nos lugares no monte do Cereixo, en Tarrio, e no Monte de Abaixo, en Buceleiras, e fragmentos de cerámica campaniforme (2000 a.n.e.) foron achados no Milladoiro.Coa difusión do uso dos metais xeneralízanse os petroglifos ou gravuras rupestres. En Ames hai localizados cinco conxuntos rupestres: no monte Grande (Piñeiro), no Outeiro de Pedrouzos, en Castelo e a Peneda Negra (Covas), e na Pena da Mira en Buceleiras. Circulos concéntricos, trazos radiais e coviñas son os motivos máis comúns.
No século VIII a.n.e., durante a Idade do Ferro, a comarca estaba ocupada polo populi dos amaecos de onde procedería, Segundo algúns especialistas, o topónimo de Amaía. En Ames hai seis parroquias nas que existen asentamentos castrexos (Piñeiro, Agrón, Ortoño, Covas, Biduído e Ames). A maioría dos castros de Ames ocupan alturas que superán os 100 m. pero sen superar os 200. A cota máis baixa -80 metros a ocupa o castro de Tarroeira en Ortoño, a máis alta corresponde ao castro de Piñor que atinxe os 199 m. de altura. Algúns asentamento están defendidos con parapetos, aproveitando os fortes desniveis do terreo para reforzar a defensa e mesmo aproveitan os trazado dos cursos de augas como fosos (Ortoño, Mirás, Agrón…)
Nalgúns dos asentamentos castrexos e no xacimento de Maceiras atoparonse restos materiais que indican a intensa romanización da comarca. A zona sur do concello estaba atravesada por unha vía romana, a XIX, que desde Iria se dirixía a Compostela.