A Ponte Maceira. Parroquia de Agrón
Esta ponte de orixe medieval construíuse para poder cruzar o río Tambre. Está formada por un tramo principal de cinco arcos de cantaría e dúas arcadas de aliviadoiro para as épocas de enchentes. A feitura medieval dedúcese do arco central, que é oxival, e dos tallamares. A súa forma quedou determinada pola altura que necesitou alcanzar a bóveda central para salvar o espazo entre os dous piares que se apoian nas rochas do leito do río. Esta ponte foi o paso principal do río Tambre ata o século XIX, pois era a única que se mantiña en pé entre Sigüeiro e Ponte Nafonso, xa que as outras dúas pontes existentes, Portomouro e Ons, estaban xa derruídas no século XVII.
Outros datos:
Moi preto da ponte atópase un muíño de maquía con tres moa. Este muíño posuía unha vivenda na parte superior, que na actualidade está reconvertida en cafetería e restaurante. Neste fermoso enclave os peregrinos que realizan o Camiño de Fisterra-Muxía despídense das terras amienses. Na contorna da Ponte Maceira comezou a que actualmente se coñece co nome de batalla de Altamira ou da Ponte Maceira, un dos episodios máis cruentos da disputa entre os Altamira e o arcebispo de Santiago polas terras e dominio do val da Maía, o 13 de xuño de 1471.