Cruxeiras. Parroquia de Ames
Edificio rexo de orixe medieval, malia que non conserva elementos desa época. As primeiras referencias documentais proceden de mediados do século XVII. A principios do século seguinte sabemos que o seu estado era bastante malo, polo que se acometeron obras de reedificación da capela maior e do corpo da igrexa, e en 1740 ampliouse o corpo da nave. Estes traballos foron aproveitados, tamén, para darlle maior altura. O edificio cubriuse cunha bóveda de medio canón. En 1791 estaba totalmente rematada e, en opinión do visitador dese ano, era a mellor igrexa de todo o arciprestado da Amaía. A construción actual é unha mestura de elementos barrocos e neoclásicos. Componse de planta única coa sancristía endosada. O interior é un espazo diáfano, de nave única, que acolle varios retablos, algúns deles de moito interese. O da capela maior, a camiño entre o barroco e o rococó, está datado a finais do XVIII.
Outros datos:
O conxunto exterior, adro, cemiterio e accesos, foron construídos a finais do século XIX polos irmáns García Mouriño, naturais do lugar de Quintáns. O cruceiro que preside este conxunto está apoiado nunha plataforma de dous graos. Unha cruz sinxela de corte circular acolle no anverso unha imaxe dun Xesús crucificado, e no reverso unha Piedade de traballo sinxelo pero con moita forza expresiva.