Pestanas principais

Capela da Madalena

Frenza. Parroquia de Tapia

En 1791 aparece a primeira mención documentada desta capela, probablemente nacida da devoción popular. Nela celebrábase misa só unha vez ao ano e o seu aspecto era moi diferente ao actual, que se mantiña coas esmolas dos fieis. En 1897 arranxouse totalmente, e dado que o edificio resultante é tan diferente ao anterior, todo apunta a unha construción nova. Seguiuse o estilo neoclásico, o que deu como resultado un edificio severo, dominado por un aire de maxestuosa sinxeleza. Os elementos decorativos son mínimos; pequena espadana, ventás e portas remarcadas. O interior mantén a sinxeleza do conxunto e foi arranxado en profundidade a finais dos anos 80. Conserva imaxes da Madalena, san Lázaro e santa Marta, que seguramente proceden do desaparecido retablo de finais do século XVIII que adornaba o altar maior.

 

Outros Datos:

No adro atópase a chamada "fonte santa", composta por unha pequena capela e unha fonte de dous canos. O muro que os acolle ten forma de altar e sobre el deposítanse ofrendas. Na parte superior ten instalado un relevo alusivo á visita de Xesús á casa de Betánia, onde estaban Madalena, Marta e Lázaro. O piso está empedrado e o teito é de madeira e tella. Dende antigo acudía xente a lavar os membros enfermos con panos que logo tendían nos arredores como lembranza da curación. Na actualidade consérvase esta tradición, xa que as súas augas aínda gozan de gran sona na contorna pola súa condición milagreira. Ao carón da fonte hai un cruceiro de liñas sinxelas e cruz espida de sección circular. Completaba o conxunto un pequeno palco de música, desaparecido ao ampliar a explanada.