Guimaráns. Parroquia de Bugallido
A primeira igrexa construíuse en tempos medievais, período no que o beneficio, as rendas e o dereito a nomear párroco estaban divididos entre o cabido, o arcebispo e os señores de Altamira. Co tempo o cabido acabará sendo o rendeiro máis importante e, xunto coa veciñanza, o principal implicado no mantemento do edificio. A finais do século XVII a vella construción presentaba un aspecto bastante deteriorado, e a partir de 1713 son frecuentes as noticias de pequenas obras e arranxos. No 1736 o edificio derrubouse e acometeuse a súa remodelación integral. O principal promotor foi o cabido de Santiago que encomendou ao seu mestre de obras, o arquitecto Fernando de Casas, a inspección e unha proposta de traballo. A reconstrución, rematada en 1740, supuxo unha renovación total da nave. A torre comezouse a construír en 1765, ano en que tamén se iniciou a expansión da igrexa coa construción das naves laterais. No 1743 encargouse un novo retablo a Francisco de Casas. Este elemento, de estilo barroco, preside a capela maior e alberga un conxunto escultórico moi interesante.
Outros datos:
O adro, pechado cun valo de pedra, é antigo e contaba con bancos para uso dos fieis. Integrados neste conxunto atópanse, tamén, a casa reitoral, a "casa da fábrica", que servía para gardar obxectos, e o cemiterio, que aínda mantén o aire de camposanto decimonónico.