A Igrexa. Parroquia de Covas
Na actualidade presenta planta de cruz seudogrega, froito dunha reforma recente. A fábrica antiga constaba de nave única, rectangular e con cabeceira cadrada, á que se lle engadiron dous brazos co propósito de aumentar a súa capacidade. Esta modificación levouse a cabo a finais dos anos setenta do século XX, xunto coa construción da sancristía no lado setentrional da cabeceira. A capela maior é de fins do século XVIII ou dos primeiros anos do XIX. A nave edificouse contra 1800 e debeu ter a cuberta de madeira. A fachada é moi sinxela, sen apenas elementos decorativos. Esta sobriedade e a ausencia de placas pétreas permiten datala no século XIX. Na decoración interior predomina a sinxeleza dos seus elementos, presididos por un retablo maior de finais do XVIII ou principios do XIX, cuxo nicho central acolle unha imaxe policromada de Santo Estevo.
Outros datos:
O cruceiro, que se atopa no campo da festa, conta cunha cruz de sección cuadrangular e os seus brazos son do tipo denominado "florenzado" con botón central. No anverso pode apreciarse un Cristo crucificado, e no reverso, unha Inmaculada coroada coas mans unidas en oración.