Lapido. Parroquia de Ortoño
Segundo informa unha inscrición, situada no exterior do propio edificio, esta capela construíuse a mediados do século XVIII. En 1786 Cornelio García, labrador veciño de Lapido, solicita a bendición da capela e a autorización para celebrar culto. Non obstante, e dado que a imaxe da Virxe co neno que preside a fachada parece antiga e ten un aire medieval, a devoción podería ser ben anterior. Con toda probabilidade sufriu arranxos importantes con posterioridade. A construción é sinxela, composta por unha soa nave de planta rectangular. O campanario pertence a unha época máis tardía. No interior conserva a austeridade, sen outro ornamento que un retablo de estilo neogótico na capela maior.
Outros datos:
A entrada do adro atópase un cruceiro levantado sobre unha plataforma de dous chanzos e un pedestal cunha orixinal decoración estriada, que continúa na base do varal. Un capitel decorado con motivos vexetais acolle a cruz rematada con florenzados. Os restos dun antigo palco de música e un carballo centenario completan o adro da capela. Moi próximo, e xa nas marxes do río Sar, atópanse un muíño, unha área recreativa e o campo da festa.