Pestanas principais

Conxunto parroquial de San Paio

Lens. Parroquia de Lens

A existencia dunha igrexa en Lens documéntase desde o século XII na -"Historia Compostelana"- e na documentación do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. O actual templo é de estilo barroco, e segundo a documentación que posúen os propietarios do Pazo de Lens, a construción foi promovida polos seus antepasados no século XVII. Presenta planta rectangular, con tres alturas no alzado. A portada é de labra sinxela, posúe molduras que decoran a rúa central da fachada e enmarcan a porta e os esquinais; estes últimos rematados por cadanseu pináculo. A torre campanario está coroada por unha pequena cúpula maciza con cruz. O interior organízase a través dunha nave única, cun arco de medio punto de cantería que dá acceso ao altar maior. Nel seguiuse o estilo sinxelo do exterior con, cuberta con teitume de madeira na nave e na bóveda, e de aresta de cachotaría revestida, na capela maior. Esta capela presenta unha decoración pictórica que simula arquitectura, cun motivo vexetal no centro. O retablo maior consta de dous corpos, divididos cada un en cinco rúas. Tanto pola documentación conservada como polo tipo de decoración e pola policromía pode datarse no século XVIII.

 

Outros datos:

O cruceiro situado ao lado do cemiterio está asentado sobre un pedestal cuadrangular de tres chanzos no que se esculpiron caveiras, unha serpe e unha píntega que figuran no contexto da paixón de Xesús. Unha inscrición, case ilexible, informa que foi realizado no 1741. O varal presenta, en relevo, os símbolos da Paixón (lanzas, escada, martelo,…) e unha imaxe de san Francisco no purgatorio. O capitel está decorado con cabezas de anxo, volutas, custodia e estrelas. A cruz é de sección octogonal con remates florenzados de botón. No anverso acolle unha imaxe de Xesús crucificado que ten á beira a un san Francisco que o abraza; no reverso, unha Piedade asentada nunha peaña na que aparece un querubín.