O Santo. Parroquia de Ortoño
A igrexa actual está construída sobre un antigo templo medieval. O edificio que hoxe vemos é froito dunha profunda remodelación acometida a finais do século XVII ou comezos do XVIII. Presenta planta de cruz latina, pero é moi posible que esta forma non fóra a orixinal. A traza debeu quedar finalizada contra 1696 e débelle moito a técnica desenvolvida por Domingo de Andrade, que traballa por esa época en Compostela. A longa nave está cuberta con bóveda de canón e está iluminada por dúas grandes ventás; o cruceiro das naves está realzado por unha cúpula con casetóns, que parece foi reformada a mediados do século XIX. Destaca a sensación de amplitude e a riqueza dos retablos. Do exterior, a parte máis rechamante é a fachada que presenta elementos clásicos como o frontón, o óculo, as pilastras e o traballo da pedra arredor da porta, que delatan, unha vez máis, a influencia de Domingo de Andrade. A colección de imaxes dos retablos resulta moi interesante con exemplos que abranguen dende o estilo barroco, o neoclásico ou pezas máis recentes que reflicten bastante ben os últimos séculos da escultura galega.
Outros datos:
A casa reitoral é un magnífico edificio a medio camiño entre a arquitectura culta e a popular, que consta de varias edificacións que conforman un pequeno patio interior. O conxunto queda oculto por un muro e un portón que presenta os habituais pináculos rematados en bola que enmarcan unha cruz. Sobre o valo que pecha o adro érguese un cruceiro de fermosa e recente feitura. O outro cruceiro coñecido como o do Santo é un fino traballo en pedra; o varal octogonal acolle nas bandas enmarcadas da parte inferior unha representación completa dos instrumentos da Paixón. No pedestal, unha inscrición dificilmente lexible, data a peza no ano 1762 e dá a entender un carácter votivo.