Pestanas principais

Conxunto parroquial de Santa María

Trasmonte. Parroquia de Trasmonte

Esta igrexa é un interesante exemplo da arquitectura do último barroco. Se ben a parroquia de Trasmonte é de orixe altomedieval, a actual igrexa levantouse, en diversas fases, na primeira metade do século XVIII. Na segunda metade do século ampliouse a nave e construíronse unha fachada nova, as dúas capelas laterais e a tribuna. Instalouse, tamén, un novo retablo. Con reparacións menores, o edificio permaneceu con esta traza ata o século XX, período en que se substituíu o vello teito de madeira pola cuberta abovedada de ladrillo e cemento. Presenta planta de cruz latina, conformada ao engadírense as capelas laterais nos anos setenta do século XVIII. Rematan o edificio, no occidente, a torre-campanario e a fachada principal. Nela, as dúas xanelas superiores, a porta, e, especialmente, o ornamentado nicho que alberga a imaxe da Asunción, mostran un claro desexo de embelecemento e énfase monumental propio do barroco. O retablo maior está dedicado ao Tránsito da Virxe e data de 1770. O retablo da Natividade pode datarse no primeiro terzo do século XVIII. Nel destacan unha imaxe sedente de Santiago, inspirada na imaxe do Apóstolo do altar maior da catedral compostelá. Merece ser sinalado, polo seu interese histórico, o relevo pétreo no que se representa o escudo da Orde Cisterciense disposto na parte alta do muro situado tras o púlpito. Este elemento ratifica o dereito de padroado do mosteiro de Toxosoutos, máis tarde priorado dependente de Sobrado dos Monxes, sobre este templo.

Outros datos:

O cruceiro aséntase ao lado da escola polo que é de supoñer que esta localización non é a orixinal. Segundo algúns investigadores é anterior a 1616. O varal é octogonal e sobre él aséntase un capitel con follas de fieito, cabezas aladas de anxo e representacións da "Santa Face". A cruz ten os brazos achafranados e está remata con bolas. No anverso acolle a imaxe de Xesús crucificado, aos seus pes están a Virxe María e san Xoán; no reverso unha Piedade que se apoia nunha peaña cun anxo. A escola foi financiada pola "Sociedad Riveras del Tambre y Valle de la Mahía" integrada por emigrantes residentes en Cuba. Nun predio lindeiro co adro da igrexa, e separada por unha parte do cemiterio, atópase a casa reitoral. Actualmente está en ruínas, pero aínda é posible apreciar o escudo de armas, sobre o que destaca un helmo cabaleiresco, que nos informa do ano de construción (1710) e do párroco que acometeu as obras (Juan Ruiz).