Pestanas principais

Poboación

Ao longo do exercicio 2021 a poboación no concello de Ames incrementouse lixeiramente sumando 122 novos veciños e veciñas. Segundo os datos provisionais que manexa o Concello, a través do padrón municipal, a poboación de Ames a 1 de xaneiro de 2022 sitúase en 32.115 habitantes (15.467 homes e 16.648 mulleres), dos que unha maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo da mocidade, garantindo así o futuro demográfico do concello.

Tendo en conta os datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE), o concello de Ames contaba a 1 de xaneiro de 2021 cun total de 31.993 habitantes (15.379 homes e 16.614 mulleres), o que supón que se sumou 122 habitantes máis. Fronte á baixada de poboación rexistrada en Galicia que amosan os datos do INE, Ames mantén a súa poboación e incrementa lixeiramente o censo municipal mantendo a tendencia das últimas dúas décadas.

Deste xeito, producíronse 1.620 altas no censo por cambio de residencia e 207 altas por nacemento. Ademais, ao longo do exercicio 2021 houbo 1.533 baixas por cambio de residencia e 172 baixas por defunción. Por último, cómpre salientar que se producíronse 747 cambios de domicilio dentro do termo municipal.

Reparto da poboación amesá
 
Con todos os datos enriba da mesa, podemos dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen tres puntos e medio de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 15.467 homes, que representa o 48,16% da poboación, mentres que elas son 16.648 e representan o 51,84%.
 
En Bertamiráns e no Milladoiro residen 22.231 habitantes, que representa o 69,22% da poboación. Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 13.352 habitantes censados (41,57% da poboación), mentres que en Bertamiráns están censados 8.879 persoas (27,64% da poboación).
 
Os 9.884 habitantes restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. En Agrón hai censados 354 habitantes; na Ameixenda 324 habitantes; en Ames 1.546 habitantes; en Biduído 1.656 habitantes; en Bugallido 1.577 habitantes; en Covas 1.041 habitantes; en Lens 89 habitantes; en Ortoño 2.607 habitantes; en Piñeiro 236 habitantes; en Tapia 113 habitantes; e en Trasmonte 341 habitantes.
 
Crecemento dende o ano 2.000

Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.
 
En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabiliza un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres). A 1 de xaneiro de 2021 o INE indica que Ames quedaba a 7 habitantes dos 32.000, sumando un total de 31.993 habitantes (15.379 homes e 16.614 mulleres).
 
 
Documentos relacionados: