Pestanas principais

Aberto ata o 17 de xullo o prazo de inscrición no programa de conciliación Setembro Lúdico

Mércores, 5 xullo, 2023
Dende o 3 ata o 17 de xullo está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Setembro Lúdico”, que se desenvolverá este ano nos días 1, 4, 5, 6, 7 e 8 de setembro. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames con crianzas escolarizadas no segundo ciclo de educación infantil e primaria (non poderán participar os nenos/as que vaian cursar 4º de infantil no curso 2023/2024 nin os nenos/as que para o curso 2023/2024 vaian a cursar a ESO).

As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Estas tamén se poden entregar de xeito presencial en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Tamén se poden presentar a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a lista provisional de persoas admitidas e excluídas na sección de avisos da web municipal e na páxina conciliames.gal, na que se establecerá un prazo para entregar a documentación requirida naqueles casos nos que sexa preciso.

Documentación necesaria
As persoas interesadas deben presentar a seguinte documentación, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación: copia simple do libro de familia e do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais; certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. De ser o caso, deberá presentarse ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Multimedia