Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición da Escola de Verán 2022

Luns, 9 maio, 2022
Dende o luns 2 e ata o luns 16 de maio está aberto o prazo de inscrición para participar na Escola de Verán, unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar da veciñanza de Ames durante o período non lectivo dos meses de xullo e agosto. O servizo está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns), mediante solicitude de cita previa a través da Sede electrónica.

A Escola de Verán é unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar dos veciños e veciñas de Ames durante o período non lectivo das vacacións de verán, comprendido entre o 1 de xullo ata o 31 de agosto de 2022. Desenvolverase de luns a venres, agás festivos. O servizo ofrece unha ampla oferta de actividades dirixidas a fomentar a convivencia, a tolerancia e a integración. Así, as cativas e cativos poderán participar en diversos xogos e exercicios a través dos que se buscará que aprendan a valorar e gozar da actividade física e o respecto polo contorno, ademais de enfocarse no divertimento e a creatividade.

O programa de conciliación está dirixido ás familias empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. O programa desenvolverase en Bertamiráns (CEIP da Maía) e no Milladoiro (EEI Milladoiro e CEP de Ventín). O prazo de inscrición estará aberto dende o luns 2 ata o luns 16 de maio de 2022, ambos os dous días incluídos. Conforme ao estipulado no artigo 14 do Regulamento da Escola de Verán, todas as solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda.

A Escola de Verán permite que as familias inscriban ás crianzas en función das súas necesidades de conciliación, ofertando tamén un servizo de almorzo, que comeza ás 7:30 horas, e outro de xantar, cuxas usuarias e usuarios deberán ser recollidos antes das 16:00 horas. O horario das actividades irá das 9:00 ás 14:30 horas. Desta maneira, as familias poderán combinar servizos e horarios segundo precisen. As monitoras e monitores coidarán das cativas e cativos en todo o momento. Aquelas nenas ou nenos con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitora ou monitor durante todo o programa.

Premendo nesta ligazón pódese obter o impreso de inscrición da Escola de Verán 2022.

Tramitación das inscricións

Para inscribirse neste servizo, as familias deberán acreditar a súa necesidade de conciliación e estar ao día no pagamento dos servizos municipais ofertados. A documentación poderá ser entregada a través do Rexistro telemático da Sede electrónica do Concello de Ames. Outra opción e entregar a documentación de xeito presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Para elo hai que sacar cita previa a través da Sede electrónica. Tamén se poden presentar as solicitudes en calquera outro rexistro ao que se refire o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Documentación necesaria

No momento de solicitar praza, as familias deberán entregar este impreso de inscrición debidamente cuberto e asinado. A solicitude deberá entregarse acompañada dos documentos seguintes: libro de familia completo; DNI da persoa titular da conta; e documentación que indique a ocupación dos pais/nais ou titores/titoras (certificados de traballo, e de ser o caso certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar).

De ser o caso, haberá que entregar un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. O libro de familia só se entregará nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación, ou se producise algún cambio na situación familiar. No caso de ruptura da unidade familiar, deberá traer a documentación que o xustifique. A copia do DNI só se entregará nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación e siga vixente. Se a presentación se fai nun rexistro presencial, deberase levar a documentación orixinal, mentres que se se fai telematicamente deberanse presentar copias auténticas.

Número máximo de usuarios e listaxe de agarda

No caso de que as solicitudes superen o número máximo das prazas establecidas no decreto de alcaldía, terán preferencia as unidades familiares onde todos os proxenitores xustifiquen debidamente a necesidade de conciliación. En caso de que as inscricións presentadas dentro do prazo sinalado no artigo 14 excedan as prazas dispoñibles, efectuarase un sorteo público para determinar a lista de usuarios do servizo, pasando as persoas excluídas a integrar unha listaxe de agarda.

Pola contra, de existir máis prazas que solicitudes, poderán acceder ao servizo aqueles nenos e nenas pertencentes a unha unidade familiar na que soamente un dos proxenitores/titores necesite conciliar a súa vida laboral e familiar. De existir máis solicitudes que prazas farase un sorteo público, pasando as persoas excluídas a integrar unha listaxe de agarda. Todas as inscricións presentadas fóra de prazo producirán a entrada do/a neno/a na listaxe de agarda correspondente a continuación das presentadas dentro do prazo.

A orde na lista será establecida seguindo os criterios anteriores, é dicir terán preferencia as unidades familiares onde todos os proxenitores xustifiquen debidamente a necesidade de conciliación. Será o Concello o que, por motivos de organización, dispoñibilidade de orzamento e en función de posibles baixas sobrevidas, determine o número de prazas dispoñibles para dar entrada a nenos e nenas das listaxes de agarda, neste caso os/as nenos/as irán entrando no programa seguindo estritamente a orde na que figuren na listaxe de agarda correspondente.

No caso da necesidade de realizar o sorteo para cubrir as prazas de Escola de Verán, as solicitudes de irmáns trataranse segundo o seguinte: na mesma papeleta irán todos os irmáns xuntos, dispoñendo de tantas prazas coma irmáns estean previamente admitidos nas listaxes provisionais. Os casos de emerxencia social debidamente acreditados polos Servizos Sociais do Concello de Ames terán preferencia para entrar no programa.

Multimedia