- Tematica
As persoas interesadas poden realizar a tramitación administrativa das súas solicitudes a través da páxina web de Conciliames, presentando a documentación asinada dixitalmente na Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén poden entregala en papel nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames. Ademais, as persoas sen Internet poden solicitar asistencia presencial chamando ao 981 891 476.
As persoas usuarias que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a súa correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos na actualidade poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado, perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.
Para obter máis información sobre o proceso de preinscrición e renovación de praza pódese premer nas seguintes ligazóns:
- Información sobre o proceso de renovación para o curso 2025-2026
- Información sobre o proceso de preinscrición para o curso 2025-2026
Como facer as preinscricións e renovacións
A tramitación das preinscricións e da renovación pódese realizar a través da páxina web www.conciliames.gal. O prazo para poder facer esta xestión está aberto dende o 1 ao 31 de marzo. Posteriormente, abrirase un prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso.
Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que xerar o arquivo coa solicitude, asinalo dixitalmente e presentalo a través do Rexistro telemático da Sede electrónica.
Outra opción é imprimilo en papel, firmalo e presentalo nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames, situadas na Casa do Concello, en Bertamiráns; ou na Oficina municipal do Milladoiro. Por último, tamén se pode presentar o impreso de solicitude en calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de Outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.
Ademais, as persoas que non teñan acceso a Internet poderán realizar os trámites correspondentes de maneira presencial, no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina, ou na oficina municipal do Milladoiro, pedindo cita previa no teléfono 981 891 476.
Páxina web de Conciliames
O sistema de renovación e preinscrición en liña para os servizos complementarios de educación e conciliación é o mesmo que se empregou nos últimos anos. As persoas que xa empregaron este servizo anteriormente non teñen que volver a darse de alta. No caso de non ter as citadas claves poderá solicitalas desde a mesma páxina. Os novos usuarios ou usuarias deben premer na ligazón de crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas.
Ademais, entrando na páxina web de Conciliames os usuarios ou usuarias dispoñen dun simulador de cotas. Este cálculo será de orientación, suxeito á comprobación do expediente por parte do departamento de Educación.