- Tematica
A convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar está dirixida aos pais e nais -ou titores legais- dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2020/2021 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de educación infantil (segunda etapa, de 3 a 5 anos). Estas bolsas permitirán financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo de 2020 e o día en que finalice o prazo de presentación das solicitudes, o 22 de abril de 2021.
As unidades familiares solicitantes deberán estar empadroadas e residir de maneira efectiva no Concello de Ames no momento da solicitude. Outro dos requisitos que se debe cumprir é que as nenas e nenos, para os que se solicita a axuda, deben estar matriculados no curso escolar 2020/2021 en centros de ensino sostidos con fondos públicos, no segundo ciclo de educación infantil.
O procedemento para a concesión desta subvención será en réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación das solicitudes presentadas, a fin de establecer unha prelación entre as mesmas de acordo cos criterios de valoración establecidos nesta convocatoria, adxudicando, co límite fixado na base cuarta, aquelas que teñan maior valoración en aplicación dos citados criterios.
Presentación de solicitudes
As solicitudes poden ser presentadas no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, situadas na Casa do Concello e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e na oficina municipal do Milladoiro.
Tamén se poden presentar en calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de Outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP. Sexa cal sexa a opción elixida das tres anteriores, só se poden presentar copias auténticas da documentación requirida. O prazo de presentación de solicitudes está aberto durante 30 días naturais, do 24 de marzo ao 22 de abril de 2021. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476, do departamento municipal de Educación.
Solicitude de cita previa para presentar a documentación
Na actualidade, debido á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, para acudir ao rexistro municipal hai que solicitar cita previa para poder ser atendido. Pódese solicitar cita previa a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou chamando en horario de 08:00 a 09:00 horas e de 14:00 a 15:00 horas, aos seguintes números de teléfono:
-Oficina de asistencia en materia de rexistro; Rexistro xeral de Bertamiráns: 881 074 709.
-Oficina de asistencia en materia de rexistro; Rexistro do Milladoiro: 881 074 901.
Tamén se pode solicitar cita previa enviando un correo electrónico a rexistro@concellodeames.gal / registro@concellodeames.gal, onde hai que indicar un número de teléfono para contactar.
>>ACCEDE AO TRÁMITE DE SOLICITUDE DAS AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR