Pestanas principais

A actividade do Apego "Meco e Sono" deste venres contará cun segundo pase ás 19.00 horas

Luns, 24 marzo, 2025
A actividade do programa Apego deste venres, "Meco e Sono", de Xarope Tulú e Xiana Arias, contará cun segundo pase do espectáculo por mor da alta demanda de participación. Deste xeito, manterase a primeira actuación prevista para ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, e realizarase un segundo pase ás 19.00 horas. O prazo de inscrición para participar está aberto ata este xoves 27. Para participar, é preciso enviar un correo a normalización@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Neste inicio de primavera, o proxecto Apego continúa coa súa programación de actividades para as crianzas de Ames. Desta volta, cunha creativa  proposta de teatro sensorial na que os participantes aprenderán técnicas e arrolos para aloumiñar ás crianzas.

Esta actividade de balde está dirixida para crianzas de 0 a 3 anos e consiste nunha mestura do teatro de bonecos coa creación sonora. Deste xeito, nárrase a historia de Fedello, un bebé que non consegue durmir e que lle teme á Noite. Grazas á axuda de Meco e Sono, finalmente Fedello consegue durmir e, non só iso, se non que remata por facerse amigo da Noite.

Sobre Xarope Tulú e Xiana Arias
Por un lado, Xarope Tulú é un proxecto creado no 2015 pola actriz Atenea García xunto co músico e escenógrafo Nicolás Zamorano. O seu obxectivo principal é achegar á infancia e mocidade as diferentes linguaxes escénicas: a interpretación actoral, a narración oral ou o teatro de obxectos. Esta compañía converteuse nun referente na maior parte de programacións infantís de Galicia a través de espectáculos como Bichocas, Corochas e A teteira de Kabul.

Por outro, con quince anos de experiencia como locutora da Radio Galega, a creación do podcast Mulleres que viven soas (compañía de teatro Berrobambán) e a publicación de diversas obras de poemas e relatos (Ortigas, Acusacións e As Tigresas), Xiana Arias é unha escritora e xornalista cunha ampla traxectoria no mundo da radio e a locución. Esta autora mergullará connosco, por primeira vez, o mundo da dramaturxia infantil a través da obra Meco e Sono, proxecto que terá a súa versión en conto ilustrado nos vindeiros meses.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.

As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Multimedia