O paso da borrasca Kirk por Ames deixou árbores caídas e mailo desbordamento de varios regos. Deste xeito, debido ao desbordamento do rego da Andoriña, afluente do río Tambre, na contorna da área fluvial de Tapia, está cortada a estrada que vai dende Tapia ata Piñeiro. Ademais, hai que ter precaución na contorna da Ponte Maceira e da área fluvial de Tapia debido ao incremento de caudal do río Tambre.
Houbo outro tipo de incidencias como un toldo dun negocio que se soltou e rompeu un escaparate. Nesta incidencia tivo que intervir o GES de Brión. En Cantalarrana, unha vivenda quedou sen subministro eléctrico, e ao parar as bombas de achique, estáballe entrando auga no soto. A brigada municipal de obras colocou un xerador de electricidade e unha bomba para achicar a auga de dito soto. Por último, nun edificio situado na rúa do Rego, no Milladoiro, despegouse e saíu voando unha protección lateral de uralita do edificio.
O Concello de Ames organizou un operativo para resolver posibles incidencias no que intervén a Policía Local, Protección Civil, Brigada de obras, Augas de Ames e Urbaser. Os avisos sobre incidencias están centrados nos axentes da Policía Local, que son os que coordinan ao resto de departamentos. Para calquera aviso pódese chamar ao número de teléfono 619 76 75 75 da Policía Local ou ao 112. Premendo nesta ligazón de Meteogalicia podes obter máis información sobre o paso da borrasca Kirk por Galicia.