Pestanas principais

Quedan prazas libres para os obradoiros musicais que organiza a Escola Municipal de Música de Ames

Mércores, 6 marzo, 2024
A Escola Municipal de Música de Ames organiza no mes de abril catro obradoiros musicais diferentes dirixidos a maiores de oito anos. Pensados para grupos de ata vinte persoas, inclúen propostas de batucada, música tradicional, teatro musical e home studio. Teñen un custe de 10 euros, e desenvolveranse nas instalacións da EMMA todos os sábados do mes, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Aquelas persoas interesadas en inscribirse poden facelo enviando a enviar a ficha de inscrición ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

A EMMA vai realizar, un ano máis, unha serie de obradoiros musicais co obxectivo de fomentar entre a veciñanza amesá condutas saudables que contribúan na súa motivación cara a música e o lecer, e que propicien unha actitude activa e participativa, repercutindo así na mellora da súa calidade de vida.

Cada unha das catro propostas incluirá dúas horas de formación de carácter introdutivo, en grupos dun mínimo de cinco persoas (sempre maiores de 8 anos) e dun máximo de vinte. As temáticas deste ano son a música tradicional, o home studio, o teatro musical e a batucada. Estes talleres celebraranse durante todos os sábados o mes de abril.

Programación para os sábados de abril
O primeiro obradoiro deste ciclo será o de música tradicional, o sábado 6, que será impartido por Ramón Dopico. A proposta busca achegar á cidadanía a musica e o baile tradicional galego dun xeito accesible, dinámico e grupal.

O segundo dos cursos celebrarase o 13 de abril, e estará dirixido por Juanjo Abella López, profesor de música electrónica e tecnoloxía musical. Neste taller, a veciñanza aprenderá que é e como funciona un home studio, e descubrirá as amplas posibilidades que ofrece, desde a edición de son ata a produción de cancións propias.

Manuel Díaz Abreu achegará aos participantes do terceiro obradoiro ás distintas disciplinas do teatro musical: a interpretación, a danza, o movemento, a voz... Todo mediante xogos teatrais, nos que se traballarán esas disciplinas. Así, os participantes lograrán adquirir unha certa técnica e tamén aprender a improvisar.

O derradeiro obradoiro deste ciclo terá lugar o sábado 27 de abril, e estará dirixido pola asociación Trópico de Grelos. A proposta busca achegar á cidadanía á batucada, e experimentar a percusión dun xeito accesible, dinámico e grupal. Os participantes aprenderán así a relacionarse co instrumento a través de xogos rítmicos, entrando nun ambiente festivo que convida ao movemento e ao baile.

Inscricións e prezos
As persoas interesadas en participar nestes cursos poden realizar a inscrición enviando esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal. O custe de cada curso é de 10 euros.

As prazas serán asignadas por rigorosa orde de inscrición, e confirmadas polo departamento de Cultura a través dunha mensaxe de correo electrónico. Así mesmo, aos participantes confirmados enviaráselles un impreso de autoliquidación do pagamento, e indicaráselles o prazo no que debe realizarse o abono.

Doutra banda, establécense tamén exencións e bonificacións do custe dos cursos. Aquelas persoas que se encontren en situación de emerxencia social poderán gozar do 100% da exención do prezo público, axuntando a documentación específica que acredite tal condición mediante informe dos servizos sociais municipais. Por outro lado, farase unha redución do 50% do prezo público a todos os usuarios inscritos en dous ou máis talleres, así como a todas as persoas que conten con carné de estudante, aos maiores de 60 anos, ás familias numerosas, aos mozos e mozas co carné xove e aos demandantes de emprego. As cantidades aboadas soamente serán devoltas cando non se poida utilizar o servizo por causa de forza maior.

Multimedia