Pestanas principais

Escoita as 21 pezas do IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”

Venres, 20 decembro, 2019
Ao pé deste aviso podes escoitar as 21 pezas do IX Concurso Radiofónico de Teatro Lido de Ames “Desata a Lingua”. A novena edición do Concurso de Teatro Lido de Ames, Desata a Lingua! contou coa participación dun total de 69 alumnos/as de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, repartidos en 21 grupos, 7 do IES do Milladoiro e 14 do IES de Ames, en Bertamiráns. O certame, que é convocado anualmente polo Concello de Ames a través dos departamentos de Normalización Lingüística, Mocidade e Comunicación, pretende fomentar, dunha forma creativa e orixinal, o uso do galego entre a mocidade.

O recoñecemento ao mellor guión orixinal recaeu na obra A terra que fuma do grupo Sardiñas Armadas, do IES de Ames. O xurado valorou a construción dun universo poético e metafórico para tratar un tema de actualidade que está tocando a sensibilidade das rapazas e rapaces máis novos: o cambio climático. A peza denuncia, con ironía e con sentido crítico, a alarmante situación ambiental do planeta e a degradación ecolóxica da nosa contorna. Sardiñas Armadas son Bento Lorenzo Faraldo, Braulio Martínez de Lorenzo, Roi Álvarez Castro e Jairo Barreiro Brea.

O premio á mellor interpretación recaeu na obra Salvamento Canino, do grupo Sacarina do IES do Milladoiro. O xurado valorou o traballo de ensaios que se percibe na fluidez da lectura dos diálogos, a boa prosodia e vocalización e o esforzo por construír os diferentes personaxes da peza empregando con habelencia os diferentes recursos expresivos da voz. O xurado desta edición do concurso amesán de teatro lido estivo conformado polas actrices Isabel Risco e Marián Bañobre e polo dramaturgo e director de teatro Santiago Cortegoso. O grupo Sacarina está composto por Martina Bretaña Míguez, Carla Gato Brea e Sara Iglesias Duro.

O premio do público foi, desta volta, para a obra Asasinos en escena do grupo Raíces de Amizade, do IES de Ames. Os/as integrantes do mesmo foron Marieta Calatayud Ortega, María Freire Buján, Brais Lago Romero e Antón Abalo Santamaría. O Concello de Ames repartiu no total 600 euros entre os gañadores, cunha dotación de 200 euros para cada un dos equipos premiados.

Audio: 
AnexoTamaño
9.22 MB
7.55 MB
6.13 MB
8.72 MB
8.6 MB
8.82 MB
6.47 MB
6.71 MB
7.41 MB
8.95 MB
7.63 MB
8.09 MB
7.5 MB
6.25 MB
7.24 MB
5.57 MB
8.72 MB
7.01 MB
9.65 MB
4.94 MB
9.63 MB

Multimedia