Pestanas principais

Este sábado, 14 de novembro, o mercado de rúa volve a súa antiga ubicación no centro de Bertamiráns

Venres, 13 novembro, 2020
Tras cinco meses, dende xuño, situado na rúa do Sar, o mercado de rúa volve a ubicarse no centro de Bertamiráns. Deste xeito, este sábado 14 de novembro, os postos ambulantes ocuparán as rúas Ameneiral e Entrerríos, así como a praza do Concello para poder cumprir as medidas de distancia e seguridade que dita o regulamento da Xunta de Galicia na loita contra a pandemia da COVID-19.

O mercado de rúa de Bertamiráns, despois do confinamento, localizouse temporalmente na rúa do Sar, un emprazamento con dous carrís, sen construcións aos lados, que permitiu o desenvolvemento correcto da actividade tal e como obrigan as normas sanitarias e dita o regulamento da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19.

A decisión deste cambio respondía á necesidade de cumprimento dunha serie de normas hixiénico sanitarias derivadas da loita contra a pandemia e tomouse tamén de xeito consensuado con representantes do colectivo e coa asociación de comerciantes de Bertamiráns XEA, co obxectivo de que puidesen estar no mercado o 100% dos postos.

Esta decisión tomouse co fin de garantir a actividade do comercio ambulante e permitir a actividade que, a tenor das medidas aplicadas no estado de alarma, se tivo que interromper. Coa chegada do outono, o comercio ambulante precisa para o desenvolvemento óptimo da súa actividade localizacións que o protexan das inclemencias meteorolóxicas e a rúa do Sar non cumpre os requisitos de gorecer o mercado do vento e a chuvia.

Descargas: