Pestanas principais

Novas medidas do Goberno do Estado para facer fronte á pandemia do COVID

Martes, 31 marzo, 2020
O Consello de Ministros de España aprobou este domingo, 29 de marzo de 2020, o Real Decreto-lei 10/2020, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da cidadanía no contexto da loita contra o COVID-19.
O presente real decreto-lei, que regula o permiso retribuído recuperable para o persoal laboral por conta allea, que será de carácter obrigatorio e limitado no tempo, entre os días 30 de marzo e 9 de abril de 2020 (ambos os dous incluídos), para todo o persoal laboral por conta allea que preste servizos en empresas ou entidades do sector público ou privado que desenvolven as actividades non esenciais cualificadas como tal o anexo da mencionada norma.
 
Quedan exceptuados da aplicación do presente real decreto as persoas traballadoras que teñan o seu contrato suspendido durante o período indicado, como poden ser aquelas ou aqueles que fosen suspendidos coa figura dun ERTE, e aquelas que poidan continuar prestando servizos a distancia a través de teletraballo.
 
Con estas novas medidas, preténdese acadar que a maior parte da poboación activa permaneza nos seus fogares durante as vindeiras xornadas, evitando todo tipo de desprazamentos, para dese xeito axudar a diminuír a mobilidade e o contacto entre persoas e así axudar a conter a pandemia do COVID-19.
 
Durante este período de tempo, as persoas traballadoras que teñan recoñecido un permiso retribuído recuperable quedarán exoneradas de prestar os seus servizos, e conservarán o dereito á retribución que lles correspondería no caso de estar prestando servizos con carácter ordinario, incluíndo salario base e complementos salariais.
 
Posteriormente recuperarán as horas non traballadas, podendo facelo dende o día seguinte á finalización do estado de alarma ata o 31 de decembro de 2020.
 
No Real Decreto, concrétanse as persoas ás que non se lle aplicará o permiso retribuído recuperable, que son as traballadoras e traballadores que desenvolven actividades que se consideran ESENCIAIS, das cales, ademais das xa incluídas no Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, podemos destacar as seguintes: Bens e servizos de primeira necesidade; hostalería (só os establecementos hostaleiros que teñan servizo a domicilio); material médicos; actividade industrial; transporte; seguridade; saúde; atención sanitaria a animais; prensa; tarefas administrativas, de asesoría e finanzas; telecomunicacións, audiovisuais e servizos informáticos; violencia de xénero; servizo de limpeza; auga, correos e distribución. A listaxe completa atópase no ANEXO do Real Decreto Lei 10/2020.