Pestanas principais

O luns 9 abre o prazo de preinscrición nas actividades das Escolas deportivas 2024-2025

Xoves, 5 setembro, 2024
O luns, 9 de setembro, abre o prazo de preinscrición na nova programación das Escolas deportivas do Concello de Ames para o curso 2024-2025. O prazo de preinscrición estará aberto ata o día 15 de setembro. A xestión realizarase telematicamente a través da páxina web de Cronos. Neste prazo de inscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Non se poderán facer inscricións de xeito presencial. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 16 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 17 de setembro na páxina web do Concello de Ames.

O departamento de Deportes vén de facer pública a oferta das Escolas deportivas para o curso 2024-2025. As actividades, organizadas polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña, volverán o luns 1 de outubro de 2024 e rematarán o 14 de xuño de 2025. Preme nesta ligazón para coñecer en detalle as instrucións de preinscrición e mailas actividades ofertadas.

Este curso as Escolas deportivas contan na categoría de formación deportiva con baile moderno, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala mixto, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol e xadrez. Os maiores de 14 anos poderán inscribirse nas actividades do programa “Ponte en Forma”, que inclúe ximnasia rítmica, adestramento funcional, aerozumba, ioga, pilates, ximnasia de mantemento; e spinning, abdominais e glúteos.

As tarifas para o curso completo son de 48 euros para os maiores de 18 anos e de 32 euros para os menores de 18 anos. No caso do segundo membro da unidade familiar serían 16 euros e no dun terceiro membro e seguintes de 8 euros.

Preinscrición
O prazo de preinscrición vai do 9 ao 15 de setembro e realizarase unicamente a través da páxina web de Cronos. No caso dun/dunha menor, primeiro deberá de darse de alta o pai, nai ou titor como titular, confirmar o correo electrónico recibido e despois darase de alta o/a menor como beneficiario/a (prema aquí para ver as instrucións a seguir). A inscrición xerará un número de rexistro que será o número co que se identifique a persoa inscrita na listaxe xerada polo resultado do sorteo.

Neste prazo de inscrición, cada persoa só poderá inscribirse nunha escola deportiva e non se permitirá a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade. Non se poderán facer inscricións de xeito presencial. Nas actividades que haxa máis preinscricións que prazas ofertadas, realizarase un sorteo o 16 de setembro. Non se conceden as prazas por orde de inscrición. A listaxe de admitidos publicarase o 17 de setembro na páxina web do Concello de Ames.

A poboación empadroada no concello de Ames poderá inscribirse e formalizar a matrícula durante o prazo de inscrición (no mes de setembro). Durante o curso tamén se poderá inscribir aboando a parte proporcional do custe do curso completo. A poboación non empadroada poderá inscribirse unha vez rematado o prazo de inscrición do mes de setembro e sempre e cando queden prazas libres.

Para máis información sobre as actividades deportivas pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 e 981 535 940. Outra opción é enviar un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.gal e deportes.milladoiro@concellodeames.gal.

Método de pagamento
Unha vez publicada a listaxe de admitidos na páxina web municipal o 17 de setembro, as persoas que obtiveran praza deben solicitar a folla de autoliquidación nas Oficinas de Recadación.

Este trámite poderá realizarse a través do correo electrónico ames@canaltributos.com, chamando ao número de teléfono 981 88 48 96 ou realizar a autoliquidación a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello (non precisa certificado electrónico) premendo na opción de “pagar taxas”. Outra opción é acudir de xeito presencial ás oficinas da praza Horta de Abaixo, nº 6 en Bertamiráns ou na rúa Viorneira, nº 6 no Milladoiro.

Unha vez feita a autoliquidación no prazo estipulado (do 17 ao 25 de setembro), non é preciso entregar o resgardo de pagamento, dado que este chega automaticamente. Se non se realiza o pagamento no prazo establecido, a preinscrición quedará anulada.

Inscrición ao longo do curso
Cada mes sacarase unha listaxe coas prazas libres e estas iranse cubrindo por orde de solicitude. Neste caso, o alumnado inscrito nunha actividade poderá matricularse noutra na que quedasen prazas libre. No suposto de inscricións unha vez comezado o curso, o importe da cota será o resultante de multiplicar a tarifa mensual (incluído o mes da propia inscrición), polo número de meses que restan para rematar o curso.

Baixas
No caso de baixa, estas deberán tramitarse por escrito. A cota poderá devolverse en supostos de baixa por forza maior (enfermidade acreditada). Se o alumno/a acumula cinco ou máis faltas inxustificadas durante un mes, poderá darse de baixa de oficio e ofrecerlle a praza a outra persoa.