Pestanas principais

Xurado dos premios InnovAmes para proxectos educativos e empresas innovadoras

Venres, 21 febreiro, 2025
O Concello de Ames celebra o venres, 7 de marzo, a cuarta edición de InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas amesás e afincadas no noso concello. Esta xornada desenvolverase no pavillón deportivo do Milladoiro. Haberá diferentes conferencias, obradoiros e exposición de stands, xunto coa xa habitual entrega dos premios InnovAmes tanto a empresas innovadoras como a proxectos educativos. O obxectivo deste evento é achegar á cidadanía as últimas tendencias dentro do mundo da innovación e desenvolvidas por empresas do Concello de Ames, xunto coa creación dun espazo no que compartir coñecemento e crear novos enlaces para posibles novos proxectos entre empresas.

Ao longo de toda a xornada do InnovAmes, desenvolveranse diferentes relatorios, mesas de debate e stands expositivos relacionados coa tecnoloxía, a innovación, o audiovisual e a utilización de novos materiais. Deste xeito, preténdese crear un espazo no que reunir a empresas de Ames para coñecer e poñer en común os diferentes avances e novidades dentro de cada sector, facilitando así posibles colaboracións entre entidades.

Premios InnovAmes para empresas
Ao igual que en pasadas edicións, o Concello de Ames convoca o III Premio InnovAmes para Empresas Innovadoras, que ten como obxectivo recoñecer e poñer en valor o esforzo de persoas emprendedoras e das empresas cun maior grao de innovación e potencial de crecemento en Ames. Valoraranse aspectos como o compoñente de innovación, a sostibilidade, o uso de novas tecnoloxías, a globalización do proxecto, o potencial impacto do mesmo na contorna de Ames e a propia presentación no día do InnovAmes. Pódese consultar as bases completas do premio na seguinte ligazón.

O prazo para presentar a solicitude de participación nos premios estará aberto ata o vindeiro día 20 de febreiro. Hai dúas categorías: premio InnovAmes á empresa máis innovadora ou con maior impacto social (cun premio económico de 2.000 euros) e o premio InnovAmes á empresa de nova creación con alto potencial de crecemento (cun importe de 2.500 euros). Premendo neste enlace podes consultar o xurado de dito premio.

Así mesmo, as empresas amesás La Rayuela, Redeslla Comunicación e Javier Troitiño Fotógrafo, colaborarán na categoría para a empresa de nova creación, ofrecendo de xeito gratuíto o deseño do logo da empresa, un curso de manexo redes sociais e sesión de fotografías, respectivamente.

Premios InnovAmes para proxectos educativos
Por outra banda, tamén se volverán a repartir a III Premio InnovAmes a Proxectos Educativos, no que se repartirán un total de 5.500 euros en premios entre 8 premios: un primeiro premio de 1.500 euros, un segundo premio de 1.250 euros, un terceiro premio de 1.000 euros, un cuarto de 750, un quinto de 500 euros, un sexto de 250 euros e un sétimo e oitavo de 125 euros cada un. O prazo para presentar a solicitude de participación nestes premios estará aberto ata o vindeiro día 20 de febreiro. Premendo neste enlace podes consultar o xurado de dito premio.

No caso dos premios para proxectos dos centros educativos, teranse en conta aspectos como a orixinalidade, a funcionalidade e usabilidade do proxecto, o material empregado. A documentación do proxecto, o valor didáctico e educativo do mesmo e a propia presentación o día da xornada do InnovAmes. Pódese consultar as bases completas deste premio na seguinte ligazón.

Programación da xornada
O evento dará comezo arredor das 10.00 horas, coa mesa inaugural e o percorrido de presentación polos stands das empresas e os centros educativos. Ao longo de toda a xornada realizaranse diversas charlas e mesas de debate onde se tratarán cuestións relacionadas co mundo da tecnoloxía, a innovación, o desenvolvemento sostible no eido empresarial ou oportunidades dentro das empresas locais.

Así mesmo, todas as actividades programadas para a cuarta edición do InnovAmes están dirixidas para todo o público que se queira achegar, tanto para a propia veciñanza do concello, como para profesionais do sector, como escolares dos centros educativos. Deste xeito, búscase dar a coñecer todos os avances e innovacións que se están desenvolvendo no mundo empresarial entre a veciñanza amesá de todas as idades.