Pestanas principais

Resultado do sorteo coas/os nenas/os que viaxarán á estación de Valgrande – Pajares coa campaña de neve da Deputación da Coruña

Mércores, 4 decembro, 2024
Un ano máis Ames é un dos concellos participantes na campaña de esquí organizada pola Deputación da Coruña entre o 10 de xaneiro e o 17 de febreiro de 2025. O programa está dirixido a rapaces e rapazas que teñen entre 11 e 15 anos cumpridos a 31 de decembro de 2024. Ao Concello de Ames correspóndenlle 15 prazas na sexta quenda que será do 14 ao 17 de febreiro de 2025. Ademais, dos cursos de esquí, os participantes poderán realizar actividades complementarias ou alternativas no caso de que non se poida esquiar.

Debido ao número de inscritos para participar no programa, foi necesario realizar un sorteo hoxe 4 de decembro, ás 12.00 horas, na Casa do Concello. O resultado encóntrase ao pé deste aviso. Os beneficiados son 15 rapazas e rapaces do concello que desfrutarán de 4 días na estación de Valgrande – Pajares (Asturias), máis concretamente, do 14 ao 17 de febreiro de 2025.

A cota de inscrición, de 85 euros, inclúe transporte, estadía e manutención na estación invernal de Valgrande-Pajares, así como monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen estas actividades e cursos.

Recoméndaselle ás persoas asistentes levar consigo certa roupa e equipamento se fora posible, como un gorro, luvas, gafas de esquí ou de sol, anorak térmico, pantalóns impermeables, roupa de rúa e deportiva, chuvasqueiro, unha mochila pequena, útiles de aseo, pixamas e roupa interior, así como crema protectora solar cun factor mínimo de 25.

O obxectivo da Deputación Provincial da Coruña con esta nova campaña de esquí é achegar os deportes de inverno e a neve ás nenas e nenos da provincia. A iniciativa, que se desenvolverá ao longo de seis quendas, estenderase do 10 de xaneiro e o 17 de febreiro de 2025.

Multimedia