- Tematica
Todos os obradoiros de Nadal, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, así como o programa de conciliación “Concilia co Comercio” quedan cancelados. As empresas que xestionaban estas actividades xa foron avisadas durante a xornada de onte, luns 20 de decembro.
Neste senso, pronunciouse a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, que gabou a colaboración e a comprensión das empresas afectadas, todas de orixe amesá. “Debemos mostrar responsabilidade nestas datas, polo que decidimos cancelar as actividades nas que non estaba garantido o respecto da distancia de seguridade. Estamos contacto coas empresas, 100% amesás, que entenderon perfectamente que o máis importante é a saúde das veciñas e veciños”.
No que respecta ás actividades para a cativada, quedan suspendidos o Pasarrúas e a Visita Disney, inicialmente programados para o 23 e o 24 de decembro. Non obstante, manterase a visita á Casa de Papa Noel, xa que se poderá respectar a distancia de seguridade entre familias.
Os concertos do Amesson continúan na programación, mais o público que asista permanecerá sentado. Ademais, esixirase a presentación do pasaporte Covid á entrada aos espectáculos de música en directo.
Finalmente, o evento das Prebadaladas, que se recuperaba despois do seu éxito en 2019, non poderá realizarse debido ás restricións anunciadas este fin de semana, que aluden á imposibilidade de facer actos de pé nos que se sirvan aperitivos, sen esquecer a crecente cifra de casos no concello.