Pestanas principais

Oficina de Transformación Comunitaria

As Oficinas de Transformación Comunitaria (OTC) son espazos físicos ou virtuais que ofrecen información, asesoría e acompañamento a todos aqueles axentes que desexen implementar unha comunidade enerxética local. As OTC están subvencionadas polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e teñen como obxectivo facilitar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas.

Ao Concello de Ames aprobáronlle o proxecto presentado ao programa de concesión de axudas para Oficinas de Transformación Comunitaria para a promoción e dinamización de comunidades enerxéticas (CE OFICINAS), que se enmarca na compoñente 7 «Despregue e integración de enerxías renovables» do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a execución dos fondos Next Generation EU, cuxas bases reguladoras foron establecidas mediante a Orden TED/1021/2022, do 25 de outubro do Ministerio para a Transformación Ecolóxica e Reto Demográfico. O importe concedido ao Concello de Ames ascende a 80.000 euros.

Ademais, o Concello de Ames solicitou unha subvención á Deputación provincial da Coruña, mediante convenio de colaboración, para o cofinanciamento da realización das actividades do proxecto Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames. O orzamento total ascende a 145.200 euros, sendo cofinanciado polo Concello de Ames con 40.000,00 euros, o IDAE con 80.000 euros, e a Deputación de A Coruña con 25.200 euros.

As comunidades enerxéticas locais son formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. É dicir, é coma se a nosa vila; incluíndo vivendas, comercios ou industrias, compartisen a enerxía que producen para facer un uso máis sostible e xusto. Por norma xeral, as comunidades enerxéticas locais utilizan a enerxía solar fotovoltaica para xerar a enerxía que logo se vai a repartir entre os membros da agrupación. Ademais, non é necesaria a instalación de paneis solares entre todos os participantes, o que fai que este sistema sexa moi accesible para quen non ten os recursos necesarios.

A función da Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames fundaméntase como punto de referencia e asesoramento para o fomento de comunidades enerxéticas a nivel local. Trátase dunha iniciativa para aumentar a produción de enerxía desde a proximidade cunha visión comunitaria e participativa desde as parroquias que conforman Ames, así como no territorio dos municipios da área occidental da provincia da Coruña, ademais de servir para avanzar na transición cara a un modelo enerxético descarbonizado. Isto tradúcese na posta en marcha e funcionamento da Oficina de Transformación Comunitaria e Acompañamento, nun lugar físico e tamén virtual mediante a súa propia páxina web e redes sociais, con accesibilidade e visibilidade pública. Premendo nesta ligazón pódese acceder á páxina web da Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames.

As actuacións proxectadas concrétanse en accións formativas e participativas dinámicas, para sensibilizar, formar e informar os axentes intervenientes en canto ao modelo e comunidades enerxéticas, ademais do acompañamento destes axentes durante o proceso de creación e consolidación destas. Deste xeito, vanse realizar actividades de asesoramento, acompañamento, aplicación de recursos transversais e planificación. A oficina será de natureza principalmente virtual, podendo dispoñer de emprazamento físico nas instalacións do espazo colaborativo coworking A Proa.

Máis información en https://oficinadetransformacioncomunitaria.concellodeames.gal/.