Os diferentes traxectos que compoñen os “Camiños da Saúde” discorren ao longo de puntos destacados dos dous principais núcleos do concello, O Milladoiro e Bertamiráns, de xeito que se adapten aos puntos máis frecuentados da veciñanza. Os diferentes tramos urbanos están representados con distintas cores (empréganse as corres frías para os tramos curtos e as cores cálidas para os tramos longos), e inclúen zonas de interese, como edificios públicos, zonas verdes e infraestruturas deportivas e de ocio.
O mapa de Bertamiráns inclúe tramos urbanos dende os 50 ata os 2.000 pasos, así como a ruta circular 8M (o tramo longo, de 8 quilómetros e 11.000 pasos aproximados, e o tramo curto, de 5 quilómetros e 7.000 pasos aproximadamente). Por outra banda, o mapa do Milladoiro inclúe percorridos urbanos que van dos 50 aos 800 pasos e unha ruta urbana circular de 6 quilómetros e 8.000 pasos aproximadamente, que pasa pola Casa da Cultura, o polígono Novo Milladoiro, Ventín, Hortas urbanas, cuartel da Garda Civil, rúa do Rego e biblioteca municipal.
O obxectivo destes mapas esquemáticos é incorporar na vida diaria da veciñanza o hábito de andar e gañar en saúde con cada paso que deamos. Os datos reflectidos teñen como base aproximada uns 100 pasos por minuto e 1,4 pasos por metro.