- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, desenvolve, un ano máis, o programa cultural Abril de Cine no que a veciñanza poderá gozar ao longo de todo o mes de diferentes propostas de cinema galego. Desta volta, todos os filmes teñen un mesmo nexo en común: o desarraigamento. Esta edición estará composta por tres sesións; nas dúas primeiras proxectaranse longametraxes en formato documental e na última das citas, exhibiranse catro curtametraxes de temáticas e formatos moi amplos, como a comedia filosófica ou, de novo, o formato documental. Todas as sesións se desenvolverán ás 20.00 horas no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
A segunda das xornadas de cinema desenvolverase o xoves 10 de abril, coa proxección “Filmei paxaros voando”, de Zeltia Outeiriño González, cineasta galega que comezou a desenvolver a súa carreira no mundo audiovisual en Cataluña e que, a día de hoxe, realizou varios documentais recoñecidos en diversos festivais. Nesta ocasión, o documental presenta unha parte autobiográfica, na que a propia Zeltia volta a Galicia, tras dúas décadas traballando en Barcelona, para narrar a historia do seu tío Antonio, un artesán téxtil que viviu intensamente nos anos 80. Neste retorno, Zeltia reencóntrase con súa nai, coa cal acaba compartindo momentos de complicidade e amor a pesar de non partir dunha boa relación.
