Pestanas principais

>Abril de cine: Noite de curtas

Martes, 22 abril, 2025
Ás 20.00 horas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, desenvolve, un ano máis, o programa cultural Abril de Cine no que a veciñanza poderá gozar ao longo de todo o mes de diferentes propostas de cinema galego. Desta volta, todos os filmes teñen un mesmo nexo en común: o desarraigamento. Esta edición estará composta por tres sesións; nas dúas primeiras proxectaranse longametraxes en formato documental e na última das citas, exhibiranse catro curtametraxes de temáticas e formatos moi amplos, como a comedia filosófica ou, de novo, o formato documental. Todas as sesións se desenvolverán ás 20.00 horas no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

Nesta edición de Abril de Cine, a última das sesións, que se realizará o martes día 22, as protagonistas serán as curtametraxes. Proxectaranse un total de catro curtas moi diferentes. Por un lado, “Platónico, platónica”, de Xacío Baño, na que se fai unha reflexión e conexión profunda entre o amor e a intelixencia artificial.

Outra das curtas que se proxectará nesta sesión será “Noites de prata” de Soraya Antelo, un proxecto, finalista nos Premios Mestre Mateo deste pasado 2024, que narra a historia de como Lola, unha cantante de boleros, abandonou Galicia polas terras do Río da Prata. A terceira das curtas será “Carracedo” de Manu Lucas Mariño, un documental que amosa a vida agochada tras o lutier contemporáneo membro do grupo galego De Ninghures.

A última das curtas que se proxectará nesta sesión será “Pechar caixas, abrir caixas” de Hugo Amoedo, un filme na que se narra a historia da volta a Galicia do escritor Xavier Queipo despois de máis de 30 anos en Bruxelas.