- Tipo
- Tematica
Os departamentos de Bibliotecas e de Normalización Lingüística amesáns preparan, co gallo da celebración do Día do Libro este sábado 23 de abril, unha serie de propostas ao longo de todo o día no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Ao mediodía, ás 12:00 horas, presentarase a compilación dos textos gañadores da edición de 2021 do Certame Literario de Ames. Xa pola tarde, o pazo acollerá dúas sesións de contacontos para público infantil, de 17:30 a 19:30 horas, e outra para as persoas adultas, a partir das 19:30 horas, con servizo de conciliación incluído. Ademais, será o último día para participar no sorteo de 800 euros en vales para catro librarías amesás.
A presentación da compilación dos textos gañadores do Certame Literario de 2021 será o encargado de abrir a xornada, coa asistencia dalgunhas das persoas que resultaron vencedoras do concurso. O acto estará conducido polo xornalista e locutor de Ames Radio, Juan Luis Silva.
As sesións de narrativa para todos os públicos comezaran pola tarde, a partir das 17:30 horas, con “Contos nas orellas”, unha proposta para o público infantil da actriz e narradora Bea Campos. A continuación, será a quenda da escritora Charo Pita, que ás 18:30 horas continuará a oferta de narrativa para a cativada con “Menú de contos”. Unha vez rematada esta sesión, ás 19:30 horas, Charo Pita invita ao público adulto a “Baixo a lúa”, unha proposta que contará con servizo de conciliación para as persoas adultas que así o desexen.