- Tipo
- Tematica
O Concello de Ames retoma a Mostra de Teatro Afeccionado, actividade que levaba sen celebrarse desde a súa última edición no 2019. O ciclo teatral, organizado polo Concello e a Escola Municipal de Teatro de Ames, acollerá as actuacións de diferentes grupos de teatro non profesionais dos municipios de Ames, Teo, Brión, Outes e Ribeira ao longo de cinco xornadas nas que se poñerá en valor a cultura e a lingua galega. A primeira sesión teatral estará a cargo de Anacos Teatro, a Aula de Teatro de Teo, que representará a obra Anacos, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas.
A Aula de Teatro de Teo presenta a obra "Anacos", un espectáculo orientado para o público adulto e a mocidade dirixida por Fran Rei. Un grupo de actrices e actores aparecen no escenario para falar de teatro e desas conversas surxirán anacos de diferentes escenas de teatro. En cada función o teatro renace. O teatro non é máis que anacos de historias que merecen ser contadas.
As entradas poden adquirirse xeito gratuíto na Billeteira electrónica. No caso de haber billetes dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo na Casa da Cultura do Milladoiro.